Rodrigo Corrales: «Quero despedirme o mellor posible do Veszprem e ir con toda a ilusión a París»
VIGO
O porteiro cangués, que tivo que renunciar ao Europeo de seleccións por unha lesión nas costas, afrontará un 2026 no que desexa revalidar á liga antes de volver ao PSG
27 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Rodrigo Corrales Rodal (Cangas, 1991) non poderá exercer de capitán dos Hispanos no Campionato de Europa de seleccións de balonmán. O cangués sofre unha lesión nas costas que lle obriga a estar parado entre seis e oito semanas, o que o descarta para a cita. Agora, o porteiro só pensa en recuperarse e estar o mellor posible para pechar o seu ciclo dourado no Veszprem húngaro antes de vivir unha segunda etapa no PSG. Con 34 anos, vese con percorrido no balonmán de primeiro nivel. Polo de agora, desfruta do Nadal ca familia e tivo tempo para ver ao seu Celta no Tartiere diante do Oviedo.
—Como está da lesión?
—Xa levo dous meses. Logo da Superglob, dúas semanas despois, fíxenme dano, pero só puiden descansar no parón internacional e logo seguín xogando. De volta, fun a un médico a Barcelona, despois ao da Federación a Madrid e ao final, teño que estar parado catro semanas sen contacto e entre dúas e catro máis para comezar con balón e empezar a facer cousas. Pensaba que ía ser menos.
—É unha faena non poder estar no Europeo?
—Facíame ilusión, porque xusto neste Europeo estiven en todas as fases clasificatorias, tamén fun capitán, e polo xeito como nos clasificamos, que tivemos dous partidos durísimos contra Serbia e contra Italia, quería estar, pero o que non se pode, non se pode. Estiven ata o mércores da semana anterior vendo se había algunha posibilidade de acelerar os tempos, pero neste momento era imposible. Hai que pensar que hai moitas máis cousas no ano e agora o importante é recuperarse e estar ben, porque se estas doenzas non se curan ben, poden carrexar moitos problemas. Por iso teño que centrarme na recuperación para chegar ben á a segunda parte da tempada. Tamén me amola polo momento, porque me estaba sentindo moi ben.
—Iso permitiralle ten un Nadal máis familiar.
—É certo que coa selección sempre temos compromisos e isto permitirame estar máis na miña filla, xa que durante o ano hai moitos partidos e moitas viaxes. Agora vou ter un tempo para recuperarme e estar coa miña familia, pero repito o que dixen moitas veces: eu síntome un privilexiado de ir coa selección e facelo, ademais, con bos resultados. Por riba, este grupo novo tamén me fai moita ilusión, porque transmite moi bo ambiente.
—Que destacaría deste 2025?
—Foi bastante ben. A nivel de club, tivemos bos resultados, o ano pasado quedamos campións de liga, na Champions quedamos eliminados en cuartos contra o Magdeburgo, que logo foi campión de Europa, pero nunha eliminatoria na que estivemos 118 dos 120 minutos. Agora, en outubro, a nivel persoal ,moi ben a Superglob, porque me deron o MVP da competición, pero mal porque perdemos despois de dúas prórrogas dun gol nunha acción na que xogamos sete contra seis, sacamos o balón, perdémolo e márcannos a portería baleira. Un partido que puidemos gañar de un. Agora quédanos a parte importante desta tempada, na que tentaremos revalidar o campionato de liga e dar un paso adiante na liga de campións.
—No 2026 espéralle un ano de cambios ca volta ao PSG?
—Primeiro, quero despedirme da mellor maneira do Veszprém e, logo, chegar con toda a ilusión de mundo a París. Vai ser un ano de cambios, porque aínda que xa estiven no PSG, cambia moito o equipo e haberá que adaptarse aos novos xogadores e adestrador.
—Consideraba que era o momento do cambio?
—Das opcións que tiña, tanto de continuidade como doutros equipos, o que máis me apetecía era volver a París, non só é un tema deportivo, senón tamén familiar. Como xa estiven alí, coñezo un pouco como funciona o club e a cidade que penso que a nivel familiar, é moi positivo, e a nivel deportivo, igual. Á hora de valorar os cambios, cada vez xoga un papel máis importante a familia. Foi unha cousa moi rápida que se pechou no verán pasado e estou moi contento. Non tiña moitas ganas de iniciar unha aventura noutro país. Non foi complicado, todo foi moi sinxelo.
—Vese con corda para rato?
—Este ano atopábame moi ben ata que veu a lesión. É certo que os porteiros habitualmente aguantamos máis, pero eu quero ir pouco a pouco.
«Foron dúas vitorias importantes»
Corrales non perde a oportunidade de seguir ao seu Balonmán Cangas e considera que «estas dúas últimas vitorias foron moi importantes». «Contra o Caserío, era un partido que necesitaba o equipo, facer unha actuación moi completa en todas as facetas e iso deulles impulso para gañar en Puente Genil, que habitualmente é unha pista moi complicada. Sacaron catro puntos antes do Nadal e case foi unha mágoa que agora viñese o parón. Creo que vai ser unha base moi boa para comezar a segunda volta. Este ano vai estar competido ata o final, pero eu sempre teño confianza».