Galaxia lembra o seu pasado para sementar o seu porvir

Pedro Rodríguez
Pedro Rodríguez VIGO / LA VOZ

VIGO

A editorial inaugura a exposición que percorre a súa historia na sede de Afundación en Vigo

05 dic 2025 . Actualizado a las 00:43 h.

A editorial Galaxia repasou onte os seus 75 anos de historia con orgullo e, tamén, con responsabilidade. O grupo leva nas súas costas a tarefa de continuar un legado que comezou un 25 de xullo de 1950 baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo. A foto da asemblea fundacional no hotel Compostela en Santiago xa é historia viva da cultura e literatura galega. Onte a editorial pechou en Vigo a celebración do 75 aniversario cunha exposición que é, tamén, unha declaración de intencións; «Creando porvir», que se poderá visitar na sede de Afundación ata o vindeiro 10 de xaneiro.

A mostra, que chega a casa da editorial Galaxia, Vigo, fai un percorrido por todos os autores que fixeron do seu selo o fogar das súas personaxes, das súas historias e dos mundos que se entenden e se escriben coa lingua galega. Na exposición atópase a Castelao, Xohana Torres, Fina Casalderrey, Eduardo Blanco Amor, Francisco Fernández del Riego ou Domingo Villar. «Queríamos celebrar un éxito. O dunha traxectoria que empezou en tempos difíciles e que se adaptou durante sete décadas aos cambios da sociedade galega», lembrou o director de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, nunha intervención que pechou o presidente da editorial, Antón Vidal Andión, lembrando que Galaxia e Galicia son unha idea que hai que defender. A mostra, comisariada por Henrique Monteagudo, Malores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva, articulase en catro bloques temáticos que convidan a percorrer a literatura e os seus autores desde o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio. Tamén hai oco para o ensaio que permite entender a evolución do pensamento da sociedade galega no tempo e para mergullarse de proxectos de referencia como é a revista Grial.

Un paseo nesta exposición é como mergullarse nun bosque de palabras e de personaxes da memoria colectiva galega. «Non foi unha tarefa fácil», indicou o comisario e presidente da Real Academia Galega. A editorial ten unha traxectoria «moi produtiva» con preto de 3.500 títulos con obras de máis de 1.500 autores. Un fondo que neste 2025 se enriqueceu con 103 libros en papel e 75 libros electrónicos e que, como se coincidiu onte, ten moito «porvir» coas novas xeracións de autores que crean e descobren o mundo en galego.

A lectura da exposición de Galaxia tamén se escoita nas voces dos seus protagonistas. A mostra acolle unha peza audiovisual que recolle testemuñas de persoas relacionadas como Galaxia como Xesús Alonso Montero, Antía Yáñez ou Xosé Manuel Beiras. Eles, como unha boa parte das persoas que se reencontraron onte en Vigo, son os continuadores dunha editorial que imaxina e quere un mundo que se escribe e se pensa en galego. «Por moitos máis anos de historia e ideas», pechou Andión.