Xulia Alonso: «Estou obsesionada con que poidamos mirar ao que pasou co VIH sen tabús»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

M.MORALEJO

A escritora e activista acaba de publicar «Futuro Imperfecto» en castelán, unha obra de amor e morte que relata as adicións que marcaron a súa xeración: «Eu non contaba con sobrevivir»

01 dic 2024 . Actualizado a las 02:38 h.

«Agora estou nunha etapa tranquila, sen sobresaltos». Xulia Alonso nunca pensou en cumprir 63 anos, chegar a ser avoa e ver como as novas xeracións senten interese por un libro que escribiu para que a súa filla coñecera a historia de amor e morte que marcou a vida de ambas. Acaba de presentar en Barcelona a edición en castelán de Futuro Imperfecto, un libro que se publicou en galego no ano 2010, pero que Alonso escribira moito antes, por si a vida non lle daba tempo. É un relato no que explica á súa filla como era o pai, Nico, a destrución do Sida, a exclusión social do momento, o amor dos sanitarios valentes que se enfrontaban a un virus descoñecido, os amigos que estiveron, pero tamén a adicción e o proceso de desintoxicación da heroína.

Hoxe, a historia segue vixente. Este xoves tivo lugar a presentación do libro co prólogo da directora de cine Carla Simón, orfa de pais que morreron tamén polo Sida. «Estou obsesionada con que se poida mirar a aqueles anos e ao que pasou co VIH sen tabús», explica Alonso. Toda unha xeración segue arrastrando as consecuencias dunha pandemia que avanzou moito no ámbito médico e sanitario, pero non tanto no social. «Ningún dos problemas desapareceu, hai menos heroína, pero as adiccións seguen aí. Con VIH pódese facer vida normal, pero non hai cura».

Ela mesma arrastra o virus dende que llo detectaron en febreiro do ano 1986, en pleno proceso de desintoxicación. Xulia e Nico deron positivo cando quixeron deixar atrás os excesos dos anos universitarios, nos que non existía a sensación de risco. Alonso ponlle nome, relato e sentimentos a unha historia que foi a de moitos, pero que poucos se atreveron a contar. «A memoria é importante, hai que aprender do que pasou, e lembralo, para que si as cousas malas volven pasar, saibamos reaccionar».

Os tratamentos antirretrovirais de alta eficacia chegaron no ano 1997, tarde para Nico, pero a tempo para que esta muller puidera afrontar o futuro. «Eu non contaba con sobrevivir. Isto non debería estar pasando, pero estou aquí. Recordo que no ano 1994, Nico xa morrera, miña filla tiña seis anos e as miñas analíticas empezaron a dar mal, era prognóstico de desenvolvemento inminente do Sida. O meu médico, Antonio Campo, dicía: ‘Tes que aguantar ata 1997, aos tratamentos'. Eu pensaba: ‘Pero si faltan tres anos!'». Foi unha loita mes a mes, coa obsesión de vivir os suficientes anos para que a filla puidera recordala, «que puidera saber o que era o amor da nai», detalla. Conseguiuno.

«Sigo chorando por Nico»

A loita contra o tempo volveu hai dez anos. Xulia Alonso foi unha das caras visibles da plataforma de afectados pola hepatite que pelexaron contra o Sergas no ano 2014 para conseguir que lles financiaran os antivirais de última xeración, aprobados en Europa, pero que Xunta e Goberno non subministraban para a maioría dos doentes. Creouse un comité clínico opaco que rexeitaba case tódalas solicitudes. Algúns quedaron polo camiño nunha loita que deu os seus froitos no ano 2015, coa aprobación do plan nacional que fixo accesibles estes medicamentos e que salvou miles de vidas.

«Fun das primeiras en recibir o tratamento, grazas ao meu médico, que loitou para que mo facilitara a Administración. Senón mo aprobaran eu non duraría moito tempo, tiña hemorraxias internas. Foi empezar a tomalo e recuperar a calidade de vida. Cando me detectaron o VIH o sistema estaba disposto a loitar por nós, era un aliado. Por iso cando pasou o da hepatite e negaban as medicinas á xente a piques de morrer, eu non o esperaba». 

Hoxe, contra todo prognóstico segue viva e se atopa ben de saúde. «Non me doe nada, non estou cansada por fin. Cando empecei a sentirme así tralo medicamentos da hepatite, xa non lembraba o que era atoparme ben, creo que a última vez foi cando era nena». A vida de xubilada inclúe ler moito, ir ao cine, dar paseos e coidarse. «Son moi consciente de que este corpo está aquí grazas a todos os cidadáns que pagan impostos. Cando recibía eses tratamentos tan caros no hospital, saía á rúa e dábanme ganas de abrazar á xente, para darlle as grazas».

Xulia Alonso é unha das máximas defensoras da sanidade pública, onde sempre atopou grandes profesionais que atenden o físico, pero tamén o emocional. Defínese como afortunada por ter esta rede e tamén pola social, polos amigos valentes que axudaban en tempos de estigma e hoxe seguen presentes e conscientes da brutalidade do vivido. «Este momento é moi doce porque podemos compartir recordos dunha historia que foi alucinante».

Se algo caracteriza a Alonso é o amor pola vida. Viviu o máis extremo, pero queda co positivo. So recoñece unha traxedia: «Polo que sigo chorando é pola morte de Nico. Cando naceu a nosa neta so pensaba nel. Esa é a parte máis dolorosa, pero tamén é certo que vivín con el moi intensamente os anos antes de morrer. Sabiamos que non había tempo, pero tivemos un amor que da sentido a unha vida enteira. Foi algo tan auténtico... Iso, e a miña filla, por quen me empeñei en sobrevivir».

A súa canción favorita

«Nuevo día», de Lole y Manuel (1975).

«É unha canción que é unha explosión de vida. Lole y Manuel eran unha das referencias musicais dos anos 80, escoitabámolos moito. El coa guitarra e ela cantando, eran fantásticos. É unha das miñas cancións favoritas porque lle canta ao feito de vivir».