Lorena Pérez: «Voume triste, pero estarei eternamente agradecida»

M. V. F. VIGO

VIGO

ATLÉTICO GUARDÉS

A xogadora e capitá do Guardés, que non segue por decisión do club, di que as cousas non se fixeron ben, pero non quere facer sangue

08 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A etapa de Lorena Pérez (Salceda, 1991) no Guardés chega á súa fin. A capitá non seguirá a vindeira tempada por decisión da entidade, algo inesperado e que lle produce tristura, admite. De todos os xeitos, e aínda que non agocha que as cousas «non se fixeron ben», todo son verbas de agradecemento ao club pola súa banda. Xenerosa en todo momento, o último que quere é prexudicar ao conxunto do Baixo Miño. Era a única galega do primeiro equipo.

—Como se sinte tras oficializarse o seu adeus ao Guardés?

—Estou ben, tranquila. Aínda que saíse agora, é algo co que levo convivindo no último mes e, sobre todo, teño a conciencia tranquila. No momento si que levei un desgusto, pero atópome ben.

—Colleulle por sorpresa?

—A verdade é que si. Aparte, houbo un cúmulo de malas decisións. Colleume desprevida e montouse un pouco de revuelo, xa que a decisión non era unánime e o alboroto que se xerou complica as cousas.

—Como se lle comunica a vostede a decisión?

—A min dimo quen a toma, a persoa encargada das fichaxes. Pero nese momento, o presidente non está de acordo e os adestradores, tampouco. Non quero darlle moitas voltas a isto, non quero que se monte o que se montou. A persoa que se encarga de mover o diñeiro, por así dicilo, tomou esa decisión e el saberá por que. Ninguén é imprescindible, non pasaba nada, non podemos gustarlle a todo o mundo. Pero se se xerou tanto ruído, quizais é porque non se falou claro desde o principio.

—No último partido na Sangriña, fíxose unha despedida a cinco xogadoras que marchaban e vostede non estaba entre elas. Que pasou?

—Aí, eu xa sabía que non había oco para min, pero non era decisión miña e non creo que fose eu quen tiña que comunicalo de primeiras. Non sabería responder. Creo que, basicamente ,foi porque non había acordo e por iso non houbo esa despedida.

—Como vive os últimos partidos sabendo que non volverá vestir esa camiseta?

—Triste. Teríame gustado que fose doutra forma. Pero, por outro lado, tampouco me gustan os dramas, coma quen di, e ía ser un momento difícil. A vida dá moitas voltas e xa teremos tempo de ter unha despedida en condicións. Espero e confío en que sexa así.

—Cal é o seu balance destes catro anos?

—Moi positivo. Todo o que vivín e que aprendín non mo saca ninguén, as experiencias que levo e que me enriqueceron, cousas que non contaba vivir. Voume triste, pero estou eternamente agradecida por iso e polas persoas que levo, que non son poucas.

—Suporá unha satisfacción o agarimo que está a recibir desde que se fixo pública a súa saída.

—Si. Xa desde o primeiro día, sempre me sentín unha máis da casa, o recibimento foi espectacular. Agora, vendo isto, faime moita ilusión sentirme tan querida, pero insisto en que non me gusta que se monte todo este follón. Ao final, o prexudicado e o club e dáme pena que pasen estas cousas. Podería ter sido todo doutra maneira.

—Isto dío polo malestar que xerou na afección a súa marcha, non?

—Claro. Ao final, mánchase o nome do club e igual tampouco ten toda a culpa. Quen toma as decisións é unha persoa e é complicado. Se esa persoa non estivese aí, igual o club tampouco estaba onde está. Así que non me gusta que haxa revuelo, e menos, por algo negativo. Ponme nerviosa. Todos sabemos o que pasou, o mal que se fixo. Creo que eles tamén son conscientes e non hai que facer máis leña da árbore caída. Xa pasou. Paseino mal, pero estou tranquila e xa non me van preguntar por que marcho. Facíase violento.

—Que idea ten de futuro?

—A tempada foi dura, levo 23 anos xogando e pensei en deixalo. Pero quero que sexa en condicións e aínda non é o momento. Estou recuperándome un pouco na casa e valorándoo; algunha cousiña hai. Non me quedan moitos anos e gustaríame seguir competindo en División de Honra, pero non o pensei moito. Seguro que o que veña será bo.