«Imos tocar o concerto que Dire Straits deu en Balaídos en 1992»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

Xavi Torrent

A banda mantén tres espectáculo distintos en torno a música de Mark Knopfler

07 may 2022 . Actualizado a las 00:57 h.

O Teatro Afundación acolle hoxe, ás 20.30 horas, o espectáculo musical Dire Straits 30th Anniversary On Every Street Tribute Tour, aquela xira que se puido ver en Balaídos en 1992. Miguel Queixas é o batería de Brothers in Band, a formación que protagoniza o concerto homenaxe á banda de Mark Knopfler.

—¿Qué pasou con Óscar Rosende, o anterior guitarrista e fundador do grupo?

—A súa marcha xa aconteceu hai tres anos. Nós os espectáculos os damos nos escenarios, non queremos entrar en polémicas infundadas e malintencionadas.

—¿Cal é a oferta do grupo no concerto de hoxe en Vigo?

—Imos tocar o concerto que Dire Straits deu en Balaídos en 1992, cunha recreación de escenografía e tamén, no repertorio, a introdución dalgúns extras necesarios que non tocou o grupo esa noite. Este é o terceiro espectáculo do grupo, e estamos xirando cos tres ao mesmo tempo. O trinta aniversario do concerto de Balaídos chega nun momento ideal para ver este espectáculo que conta con nove músicos en escena, como aconteceu entón. O que máis nos gusta a nós nos concertos é recrear sensacións.

—¿Cal é a súa etapa preferida de Dire Straits?

—Iso é como elixir entre papá e mamá, aínda que neste caso tamén engado á madriña porque na súa historia houbo tres bateristas moi diferenciables entre eles. A min gústame tocar as tres etapas porque intento reflectir o baterista que houbo en cada momento. En Vigo toca intentar guiar á xente polo estilo de Chris Whitten. Deste espectáculo gústame moito Tunnel of Love.

—¿Cal é a herdanza de Dire Straits?

—Máis alá dos seus grandísimos éxitos, penso que vai quedar esa elegancia do rock e o melodismo. Ao longo das súas distintas etapas tamén se pode ver como pode evolucionar un grupo continuamente, tanto como a propia carreira do seu solista; non debemos esquecer que Mark Knopfler leva máis tempo como músico en solitario que coa banda.

—Ademais, nos seus espectáculos o primordial era a música, ¿non?

—Si. Eu diría que se nos arrimamos a esta derradeira xira, foi a que tivo unha maior produción. Nos concertos de Dire Straits o primordial é a melodía porque está por enriba de todo. Porque neste grupo hai dúas melodías, a vocal e a de guitarra. Ese é outro dos factores que poderían quedar deste grupo. Pódese cantar a melodía dos sós de guitarra de Mark Knopfler.

—¿É difícil conterse cando un músico interpreta a outro?

—Cando tocas con corazón levas un grao de cabeza. Nun momento, un pode deixarse levar e iso é natural porque non somos nove robots que lle dan ao play e executan. Non, de feito unha das nosas obsesións é transmitir emocións. Iso vese moi ben no caso dos solistas das orquestras sinfónicas, porque teñen sensibilidade propia. No noso caso estamos interpretando, recreando e intentando buscar unha sensación e aportando o noso corazón porque somos humanos.

—Teñen recuperada a normalidade nos concertos?

—Si, mira, chegamos a Vigo despois de esgotar entradas en varias localidades de toda España. Sentímonos moi queridos e alleos a calquera polémica. Estamos encantados porque a xente vén e o pasa ben.