Félix Lamas: padexando, que é unha vida de xerundio

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VIGO

Martina Miser

Partícipe da fundación dun dos grandes clubs de Galicia, o grovense vive por, de e para o piragüismo

10 feb 2022 . Actualizado a las 21:29 h.

Seis meses van aló desde a gran festa do piragüismo galego nos Xogos Olímpicos de Tokio. As pratas de Teresa Portela, no K1 200 feminino, e de Carlos Arévalo e Rodrigo Germade, integrantes do K4 500, son o reflexo do extraordinario presente do deporte da pa na nosa comunidade. Tamén do longo e fértil traballo realizado nas últimas décadas por tanta xente para consolidar en Galicia unha potente base. Todo grazas ao labor daqueles pioneiros que nas décadas dos 70 e dos 80 impulsaron a práctica dun deporte que tivo o seu primeiro referente no lucense Luis Gregorio Ramos Misioné, subcampión olímpico en Montreal 1976 no K4 1.000 e bronce en Moscú 1980 no K2 1.000.

Félix Lamas (1963) nunca chegou acercarse sequera ao excelso palmarés de Misioné. Con todo, o meco loce media vida de entrega a un dos grandes clubs de piragüismo de Galicia e de España. Un Breogán do Grove que preside ininterrompidamente desde o 2007, tras encabezalo entre 1999 e o 2003, exercendo de secretario entre un e outro mandatos. Un club no que hai cinco anos volveu subir á canoa para competir como veterano, reverdecendo os tempos nos que Félix se embarcara na excitante experiencia de participar na primeira remesa de padexeiros do Grove.

Corría o ano 1978 e a Federación Pontevedresa de Piragüismo —daquela, dinos o arousán, non existía a autonómica— organizou uns cursos de iniciación na piscina da Toxa. A raíz diso, o Concello comprou unhas piraguas para a Asociación Cultural e Deportiva Breogán, que puxo en marcha a súa sección de piragüismo. E o adolescente Félix non tardou en ser dos primeiros en apostar pola canoa cando a comezos dos 80 comezou a súa penetración en Galicia. Competindo en C1 e en C2, fíxose con varias medallas a nivel provincial e nacional, pero nunca se aproximou á órbita internacional, e tras o parón polo servizo militar en 1984, pouco tempo máis botou padexando antes de aparcar a pa durante máis de 20 anos. Pero o piragüismo xa se convertera en moito máis ca unha afección na vida de Lamas.

«É un deporte duro, pero moi satisfactorio e bonito. Engancha moito. Aprendes disciplina e valores e tes a oportunidade de competir tanto a nivel individual como en equipo», relata o presidente do Breogán do Grove para explicar o piragüismo na súa vida e non o fútbol, o fútbol sala ou o balonmán, que practicara con anterioridade.

Claro que para Lamas o valor do piragüismo vai máis aló do estritamente deportivo. Con 20 anos el e mais outros rapaces da súa quinta, pioneiros no club, botaban xa unha man na directiva do Breogán, o que lles permitía ver tamén a función social do club. E así é que cando lle preguntamos que é do que máis orgulloso se sinte nos seus 44 anos formando parte da familia do Breogán, Félix contesta: «Do traballo feito cara a sociedade. Polo club pasaron milleiros de rapaces. O que o Breogán fixo no Grove coa mocidade é incrible. Mentres os rapaces están aquí non están pensando en cousas raras». Dío con coñecemento de causa. Lamas, ao que lle tocou vivir a época da emerxencia da drogadicción como un dos máis graves problemas sociais en Galicia, recorda como «cando entrei no club ía facelo tamén outro rapaz. Eu entrei, el non. Eu estou aquí e el xa non está entre nós».

En liña coa vocación social do Breogán, o seu presidente salienta a satisfacción que lle xera «ver os rapaciños subindo e os nosos grandes campións; iso quítanos aos que traballamos no club moitas amarguras e por iso seguimos. Que o traballo de todos teña resultados deportivos énchenos de orgullo». E iso non deixou de pasar practicamente desde o mesmo nacemento da entidade meca.

«Desde 1987 levamos ininterrompidamente tendo deportistas todos os anos nos equipos nacionais, concentrados ou competindo a nivel internacional», conta Lamas, que declara que «sacar grandes deportistas é innato no Breogán». Desde Joaquina Costa, primeira padexeira galega nuns Xogos en Barcelona 92 ata Fredi Bea, actual presidente da Federación Galega de Piragüismo, e David Mascato, ambos os dous diplomados olímpicos. Pero tamén Tono Campos, o mellor canoísta español de maratón da historia, que aos seus 36 anos segue padexando en pos de engordar o seu medalleiro internacional, hoxe composto de 20 preseas mundiais e 9 europeas, unha ducia delas de ouro. A única «espiniña» que, confesa Félix, lle queda neste sentido é que «algún outro dos nosos padexeiros non puidera ter chegado» onde parecía poder ir vendo o seu potencial.

Con todo, é moi posible que o mellor estea por chegar, con Lamas para velo. Porque o Breogán do Grove non é alleo á explosión de licenzas experimentada no piragüismo durante os dous anos que levamos de pandemia. «Agora, a falta do verán —cando se apuntan unha gran cantidade de nenos—, estamos nunhas 115. No 2019 acabamos cuns 120 deportistas e no 2021 con 181», repasa o presidente. Un crecemento que atribúe a unha cuestión de ciclos, pero tamén ao atractivo do piragüismo como deporte individual e sen contacto a raíz da pandemia. E o arousán inda prevé «outro pulo grande máis pola variedade de modalidades que se están a abrir, o paddle surf, o dragon boat...».

Este último, no que el mesmo está a iniciarse, regaloulle ao club a súa última alegría. Dúas ducias de mulleres de 35 a 62 anos, a maioría sen contacto previo co piragüismo, que animadas por Lino Cacabelos, técnico do Breogán, empezaron a vogar no dragon boat ao ritmo do son dun tambor.

 Persoal. Félix José Lamas Gondar naceu no Grove o 26 de outubro de 1963. Axudante de camareiro no Gran Hotel da Toxa nos seus veráns de estudante, traballou nunha empresa de conxelados, de vixiante nocturno, nunha lavandería ou no servizo técnico do Centro Vacacional da Lanzada antes de poder vivir do piragüismo en calidade de secretario da Federación Galega.

Traxectoria Toda a súa vida deportiva a fixo no Breogán do Grove, do que foi e é padexeiro e no que alternou diversos cargos na súa directiva, que preside ininterrompidamente desde o 2007.