Barrumbas foi xogador do club e, desde hai máis de 30 anos, asumiu todo tipo de funcións
16 nov 2021 . Actualizado a las 00:25 h.Pode que cando se fala de José Pereira Rolán, haxa en Tomiño quen non acabe de caer en de quen se trata. Pero a cousa cambia se se fala de Pepe Barrumbas. Conta que era o alcume de seu pai, e aínda que descoñece a orixe deste, herdouno de igual xeito que aconteceu coa paixón polo Tomiño FC. «O meu pai foi directivo desde club durante moitos anos e é bonito seguir botando unha man aquí», sinala.
Aínda que non leva as contas moi ao día, todo apunta a que xa superou eses tantos anos que botou Barrumbas pai no club. Porque José leva agora máis de 30, cun breve paréntese entre medias, colaborando en todo o que se precise. Foi en 1990 cando regresou de Logroño, a onde tivo que desprazarse por traballo. «Tiña ao meu pai enfermo e desde aquela xa non volvín marchar», lembra. Aí volveu tomar contacto co Tomiño, ao que xa estivera vinculado como futbolista. Xogara o seu último ano de xuvenil en 1982, poñendo rumbo á Rioxa ao ano seguinte.
«Son de Tomiño de toda a vida e no club, xogar non é que xogara moito, pero do resto teño feito de todo», recapitula. Presume de ter entrado na directiva «cando aínda era novo» e de ter visto pasar moitos presidentes —«é imposible levar a conta»— e a unha longa lista de xogadores. Precisamente un dos máximos mandatarios foi a causa de que se afastase por un tempo. «Enfadeime con un e dixen que mentres estivese ese, eu non volvía, que deixaba o fútbol», recorda serio.
Non foi doado dar aquel paso dado o que significa o Tomiño para el e a importancia que ten na súa vida. «Eu que sei, non sei poñerlle palabras ao que é para min este club. Pero se o deixo, como aquela vez, póñome malo, fáltame algo», recoñece. Esa paixón é a que lle leva permitido arrimar o ombreiro en todo e asumir responsabilidades do máis variado, unhas con máis gusto que outras, pero sempre de bo grado. «Había cousas complicadas, como marcar o campo con cal cando era de céspede natural. Ía moito frío e coa chuvia tamén era fastidiado», afonda sobre unha práctica que lle custou máis dunha molladura pero que permitía que o campo estivese perfecto para os rapaces.
Co paso dos anos, foise encargado doutras tarefas que incluíron cambiar os números dos marcadores do campo, inflar balóns con bombín de man, lavar e secar no campo a roupa de xogar ou incluso desenvolver traballos de seguridade cando o ocasión o requiría, «nos partidos de más rivalidade». Máis alá dos traballos puntuais, tamén exerceu durante moito tempo de delegado. «Aínda estiven seis anos ou sete, tanto cos xuvenís na base coma cos maiores. E ademais diso, a min o que me mandaban facer, facíao», subliña.
Implicación co feminino
Foi no ano 2010 cando o Tomiño puxo en marcha o seu equipo feminino. Aquilo foi un punto de inflexión para Barrumbas, que tivo claro que quería implicarse nunha iniciativa que sabía que precisaba moita axuda para saír adiante e da que soubo deseguido que quería ser partícipe. Así, deixou a directiva do fútbol masculino e pasou a ser vocal da do feminino. Desde o club agradecen que foi «unha persoa fundamental, vital» para que o Tomiño feminino tivese futuro e siga sendo a día de hoxe unha realidade en marcha, competindo tanto na Primeira Galega como en dous equipos de base, promesas e infantil.
El comenta que a súa motivación foi, basicamente, a conciencia de que as rapazas ían telo máis complicado e sumar apoios era clave. «Daquela había moita xente á que non lle gustaba ver ás mulleres andar a xogar ao fútbol. Custounos moito levantar iso porque moitas persoas ou non crían no fútbol feminino ou, directamente, estaban en contra», lamenta. El, firme defensor dese proxecto que o ilusionou e segue a ilusionalo, recoñece que deixou «de lado aos rapaces» para centrarse nas futbolistas.
Cando se lle pregunta polos seus cometidos actuais despois de ter asumido tantas responsabilidades distintas, o resumo é moi gráfico: «Eu estou para o que necesiten as nenas e a directiva. No que mande o presidente, aquí estou», insiste coa que leva sendo a súa filosofía desde hai máis de tres decenios, coa excepción do conflito con ese máximo mandatario do pasado co que non se entendeu e que foi o único que conseguiu que o deixase temporalmente.
Esa lea foi algo illado, porque se algo agradece Barrumbas é que o Tomiño lle leva dado moitos amigos e que sinte que hai moita xente que o quere e valora o esforzo que leva feito. Aínda que non actuase na procura de recoñecemento ningún. «Sempre hai quen pensa que vivimos do fútbol ou que non é para tanto o traballo que dá. Pero manter un club humilde custa», salienta. E na lista de cousas que leva feito pola entidade está tamén «andar polos bares e polos negocios pedindo axuda, as rifas, tirar dos amigos...». Nada que non lle pagara a pena: «Eu axudando ao meu club e ao meu pobo son feliz». A cambio de nada.