«A Roda nunca cantará en castelán»

VIGO

XOAN CARLOS GIL

O fillo e sucesor do mítico Fito considera que os temas clásicos do grupo «xa son himnos dos galegos»

16 sep 2021 . Actualizado a las 01:05 h.

O día que enterrou ao seu pai Fito, o que era a cara, a alma, o chorro de voz de A Roda, todos os integrantes do grupo sinaláronlle: «Agora tes que ser ti o xefe. Pasei de non facer a cama a coidar dos que eran os meus compañeiros, a dirixir A Roda», conta Alfredo Dourado (Vigo, 1975), humor espontáneo, grande conversador, bo contador de historias e baixista dun grupo que ten deixado para a historia himnos populares de Galicia. Pousa pousa, O Gato, Andar miudiño son títulos que herdou, que lles reclaman nos concertos e acompañarán sempre a A Roda, aínda que a segunda xeración teña subidos uns chanzos na formación musical e o demostre nos seus traballos.

Pero Alfredo non renega de nada na historia do grupo, que é Medalla Castelao ou Premio da Crítica. Todo o contrario, aínda que sinta que a casualidade o levou onde está. «Eu era un pijo dos Jesuitas de Vigo. Se non tiveran coincidido a miña nai e Fito unha noite no mítico pub Ton Jones, eu non sería músico». O rostro da histórica voz cantante de A Roda preside nun póster todos os ensaios do grupo. Alfredo, que xa nacera antes de que a súa nai e Fito se coñecesen, fala del como un pai, e dela como o verdadeiro motor do grupo, a que entendeu que aquelas cancións nadas ao redor dunha mesa redonda, que deu o nome ao conxunto, tiñan moito percorrido.

«A Roda era Fito, coa súa imaxe brutal, a súa voz imposible de imitar. Era auténtico. Eu son de pega, son Balbino», tira de ironía para tomar prestado o personaxe de Neira Vilas que se presentaba coma «un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén».

Confesa en todo caso que ten o seus trucos, imita a Fito no escenario e fóra incluso. «Cada vez teño máis cousas del. E mira que eramos distintos», medita, mentres rememora á súa nai mediando sempre entre ambos, menos o día que non se contiveron e apunto estiveron de chegar as mans nun programa de televisión se non os separan os resto dos músicos. «Era galego de pico e pala, dos que pasaron miseria, dos que traballaron no naval, dos que sempre falaron galego», envexa incluso ao comparar coa súa educación urbana ou a súa condición de neofalante.

A Roda naceu cando aínda a sombra da ditadura non deixaba que o sol iluminase con intensidade. E pese a ese contexto, ou ter xurdido no barrio obreiro de Teis, Alfredo pensa que o grupo actuou sempre á marxe de cuestións políticas. Aínda que só teñen cantado nos seus 45 anos de vida en galego e que defenderon o idioma co disco Falemos Galego, máxima que atribúe as inquedanzas de Suso Vaamonde, que tamén lle deu voltas á roda, coma seu irmán Luís, que a primeira vez que se viron Fito e Filomena xa os bendiciu en matrimonio.

«A Roda é aséptica en política, pero galega e galeguista», aclara Alfredo. «Ten unha historia, unha tradición», terza para responder se algunha vez suscitouse a posibilidade de actuar en castelán. «Téñennolo suxerido, ata se propuxo dentro do grupo, pero A Roda nunca cantará en castelán. Isto non é un xogo. Ten que haber un respecto a un grupo que se fundou na ditadura, na escuridade dunha taberna, nun espazo de clandestinidade. Non hai posibilidade nin para o debate», advirte. «Non todo ten que rexerse por gañar ‘me gustas', non imos traspasar certas normas». Di poñéndose serio.

Non acaba de ter claro que faría A Roda se lles desen a oportunidade de ir a Eurovisión, como lle podería tocar agora a Tanxugueiras. «Non sei que faría», di de entrada, para rumiar progresivamente mentres o pensa un «sería un paso... pero eu preferiría non ir. Non iría, está moi desvalorizado», remata coa introspección.

A primeira actuación de Alfredo Dourado con A Roda foi en 1991 facendo que facía, nun playback na TVG no que soamente fixo vulto no fondo do escenario. Agora é a voz, ademais do baixo. «O que cantaba ben era o meu pai, aínda que el dicía que facíao mellor o seu irmán e aínda mellor un tal señor Gil. Como o faría o señor Gil?», preguntase.

As voces seguen a ter unha posición primordial na obra de A Roda, pero a segunda xeración, a da outra volta de roda, como se describiron os actuais integrantes titulando o primeiro disco tralo pasamento de Fito, tiran un pouco máis de instrumentos, de musicalidade, de acordes de jazz incluso, dando espazo á súa formación a que o Alfredo neno era empurrado con continuidade polos seus país.

«Imos seguir traballando pola música tradicional, con melloras no sentido musical, o que nos convenza a nós. Somos músicos e eu non sei facer outra cousa», di co sorriso co que acompaña case que todo o tempo as súas reflexións. Non torce demasiado o xesto cando lamenta non ter tocado nunca no parque vigués de Castrelos, aínda que A Roda sexa o grupo decano da cidade. Pero si ponse serio cando o Celta sae a relucir. O centenario está á volta da esquina, no 2023, e non consegue entender como o grupo máis cantado na historia do equipo coa súa Foliada do Celta, aquela de sempre andas dicindo que para o ano que ven segue sen recibir unha chamada.

Álbum familiar

EN DETALLE

O primeiro traballo

«Mestre en academias de galego, castelán e inglés aos 16 anos. Era bo. Tamén fun camareiro e algunha cousa máis antes de dedicarme xa a música de cheo».

A que causa se entregaría?

«Á liberdade e o libre albedrío. Non somos nenos, nin o Estado ten que estar sempre dirixindo todo. Debemos ter liberdade para vivir e para morrer tamén».