Autocrítica e método, cóctel de ouro

Nico Rodríguez detecta erros malia gañar a Copa do Mundo en Miami e dos detalles a mellorar para subir ao podio en Toquio


vigo / la voz

Con espírito autocrítico e centrado na folla de ruta camiño de Toquio. Así está o vigués Nico Rodríguez no arranque do ano olímpico, logo do primeiro triunfo na Copa do Mundo de Miami e de volta á localidade lusa de Vilamoura, no Algarve, onde ten montado con Jordi Xammar o seu cuartel xeral á espera do Mundial do vindeiro mes de marzo, a proba onde todos van testar o material que logo xa terán que enviar a Xapón porque o contedor tarda dous meses en chegar alí.

ESTREA

«Sempre é bo comezar ben, pero cometemos erros»

A Nico seríalle moi doado recorrer a un discurso gañador logo de acadar a primeira praza da primeira Copa do Mundo do ano 2020 en Miami, pero o vigués fala máis dos erros a mellorar e das consecuencias que poderían ter no Xapón: «Sempre está moi ben e reconforta un pouco o traballo feito ata agora, pero hai que ser conscientes de que foi unha regata longa, non tivemos o mellor comezo e pouco a pouco fomos mellorando, pero cometemos algúns erros. Aínda que o resultado sexa bo, non nos podemos confiar, porque se comentemos estes erros no verán pode que non sexa tan doado chegar a remontar. Hai que ser conscientes de que non rendemos ao noso mellor nivel, debemos ter os pés no chan e saber que se queremos estar loitando polas medallas non podemos cometer erros nin confiarnos».

PRETEMPaDA

Moito traballo entre Barcelona e Vilamoura

Aínda que a pretempada arrincou en Barcelona, o Algarve, e non de vacacións, é o cuartel xeral do equipo polas condicións de traballo que ofrece nesta época do ano: «Estamos a traballar un montón. Estivemos adestrando en Barcelona e Vilamoura moito tempo e moi contentos. Incidimos en condicións nas que non eramos tan fortes, con vento forte demos un pasiño adiante e con moi pouco vento tamén. Nese senso estamos moi ledos».

MUNDIAL

A segunda gran cita do ano e un escenario onde testar os materiais

Logo dunha semana de vacacións tralo éxito de Miami, o vigués xa se atopa de novo no sur de Portugal preparando o mundial de marzo en Palma. Antes chegará o campionato de España nas mesmas augas. «O mundial -di Nico- é o segundo evento, onde te vas a poder comparar un pouco mellor cos rivais porque todo o mundo tratará de levar un bo material. Creo que moita xente vai collelo como un test porque logo do mundial todo o mundo ten que enviar todo o material bo a Xapón porque tes dous meses de contedor». Nesa cita Jordi Xammar e Nico Rodríguez non teñen claro se van a exhibir todo o seu material pero o vigués si ve a cita como escenario idóneo para testalo. «Igual non sacamos todo o material porque temos algunhas dúbidas e igual hai que decidir material aí, pero imos ir a fondo porque un mundial é un mundial».

MATERIAIS

«Estamos ensaiando con distintos deseños de velas pero a chave está na técnica»

Os materiais son parte fundamental nunha competición de tan alto nivel onde as diferenzas entre os favoritos son mínimas. Nico e Jordi levan tempo testando diferentes alternativas para tomar a mellor decisión. «Estamos probando cousas e ensaiando con deseños distintos de vela, estamos un pouco investigando pero sendo conscientes de que onde está a chicha é a nivel técnico e entón estamos moi centrados na mellora técnica, que é o que nos vai a permitir logo retocar eses pequenos detalles de material». Afondando no aspecto técnico, o deportista do Náutico de Vigo explica que «en pouco ou moito vento, focalizámonos moito na técnica para dar ese paso adiante».

QUINIELAS

Respectados entre os 470

Algúns xa empezaron a facer quinielas sobre as medallas españolas en Toquio e o 470 masculino non entra nas mesmas, pero dentro da flota o respecto para o barco que representará a España é máximo: «Dános igual o das quinielas, nuns xogos todo comeza de cero, dentro da flota a xente empeza a ternos moito respecto, estamos aí. Imos sen ningún tipo de presión».

CALENDARIO

Cinco citas e viaxe a Xapón o 18 de maio

Nestes momentos Nico Rodríguez está en Portugal, o día 20 viaxará a Palma de Mallorca para iniciar ao día seguinte o Campionato de España, logo entre o 13 e o 21 de marzo será a quenda do mundial, a continuación o Princesa Sofía, logo o Campionato de Europa a principios de maio e o 18 dese mes, a Xapón.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Autocrítica e método, cóctel de ouro