«Correr unha gran volta non é unha obsesión para min»

La Voz VIGO

VIGO

MARCOS CANOSA

O moañés fai un balance positivo da tempada que acaba de rematar

11 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Delio Fernández deixa atrás a súa segunda tempada no Delko-Marseille francés. O corredor moañés amósase satisfeito co seu rendemento nos últimos meses, se ben confesa que lle queda a espiña de non ter acadado unha vitoria que en máis dunha ocasión estivo preto.

-¿Que sabor lle deixa esta recén rematada tempada?

-Foi outro ano máis a alto nivel, correndo carreiras World Tour, con equipos moi competitivos. Coma sempre, houbo momentos bos e malos, pero entre os bos quedo coa Volta a Austria e a Dauphiné.

-¿Pesa non ter conseguido unha vitoria?

-Sempre che queda unha espiña, pero estou contento. Ás veces, por riba dos resultados, hai que fixarse no rendemento. A un sempre lle gusta gañar e nese sentido temos que quedar con que estivemos preto. Aínda que dá rabia non vencer, hai que ter en contra o difícil que é. Ver que non faltou moito é a confirmación de que sigo estando a un bo nivel un ano máis e que cando estou ben podo loitar por triunfos en carreiras. Non quedamos lonxe, faltou un pasiño. Si que é certo que esa pequena diferenza de gañar a non gañar ao mesmo tempo faise moi grande.

-Este ano cambiara a planificación, ¿deu o resultado esperado?

-Si, foi diferente e saíu como esperabamos. Douno por positivo. Este ano foi máis unha progresión, non tiven un parón a metade facendo dous picos de forma como outras veces. A decisión debeuse a que nos meses de primavera sempre estou afectado polas alerxias e non rindo ao 100 %.

-¿Pode adiantar algo da vindeira tempada?

-Aínda non concretamos, pero vai ser semellante a esta, sempre coa incertidume das invitacións que poida recibir o equipo para as grandes voltas. Pero á marxe diso, o calendario francés sempe é amplo e esixente. Intentaremos estar na mesma liña participando en World Tour.

-¿Pode ser o 2018 o ano de correr algunha gran volta das que mencionaba?

-É o obxectivo a medio prazo. Penso que demos pasos á fronte nos últimos anos e non andamos lonxe. Para min non é unha obsesión correr unha delas, pero é certo que publicitariamente marcan as diferenzas.