«Penso que este rollo dame a vida»

Xosé Ramón Castro
x. r. castro VIGO / LA VOZ

VIGO

M.MORALEJO

Nin a idade nin varios infartos apartaron a Padín da dirección do Olivo, o equipo ao que quere devolver á elite

23 abr 2016 . Actualizado a las 16:09 h.

Juan Carlos Padín (Vigo, 1939) revive co fútbol feminino. Xubilado, adicada a súa vida á xestión do Olivo, que vén de acadar o seu cuarto título e loitará de novo polo ascenso a Primeira División aínda que a fase lle custe diñeiro aos directivos. Fundador do equipo, espera devolvelo á elite e confía en que o Celta dea o paso de asumir a súa xestión tendo en conta que no 2017 cada equipo da Primeira debe ter adscrito un conxunto feminino.

-¿Cal foi o motivo de asumir a dirección do equipo?

-Xa estaba na Federación de Peñas El Olivo na directiva, fun relacións públicas, logo fun presidente catro anos e agora estou con Camilo Pais. Montamos o equipo porque tiñamos moitos de fútbol sala. Quedamos campións da Autonómica e ascendemos a Segunda nacional.

-¿Tivera algunha relación anterior con fútbol?

-Fora adestrador do Arbo, Ribadelouro, Porriño, Pontellas, ao que leve de Terceira Autonómica a Preferente e Mondariz entre outros.

-E nin os infartos o apartaron do cargo dende entón.

-Aínda falei con Anair Lombi fai uns días e acórdome cando lle deran unha patada no campo e quedárase sen sentido, entrou a ambulancia no campo e aí me deu a min (infarto) e acabamos os dous no mesmo sanatorio.

-¿E como vai agora de saúde?

-Vou aguantando. A miña muller dí que calquer día vaime pegar outro, pero eu creo que estou ben. Cóidome bastante, agora a miña vida é o Olivo, son un profesional do fútbol sen gañar cartos, ao contrario.

-¿Pensou en deixalo?

-Si, pensei en deixalo, pero foi unha cousa moi rápida, penseino un día e ao outro día xa estaba metido de volta no Olivo. Eu penso que este rollo dame a vida. Podía vivir máis tranquilo, pasear. A miña muller dime que as nenas danme vida e ten razón.

-¿Considérase un precursor do fútbol feminino?

-Non me considero tal, pero conxuntamente con Enrique Cons fundamos o club. El era o director deportivo, o mellor da toda a historia. Fixo un labor extraordinario dende a base.

-¿Coñece outro caso dun directivo de fútbol feminino con case 77 anos?

-Pois non, moitos dinmo. O alcalde o outro día, cando fomos a asinar o convenio, dicíame que non ía deixar nunca o Olivo e eu digo que hai que estar aquí.

-¿Como foi a evolución do fútbol feminino neste tempo?

-Cada ano foi a máis e eu creo que agora vai ser máis cada día porque para a próxima temporada os equipos de Primeira teñen que ter un equipo femenino e entón iso é unha demostración de que o deporte vai para arriba.

-¿Acabará o Celta asumindo o equipo?

-Ese é un tema do que sempre se fala pero non hai xeito. Prefiro non falar porque a xente dime que igual parece mal, pero se non falas non existes. A aspiración sería que o Celta o collera. Xa tería un equipo feito e a nós daríanos igual que se chamara Celta Olivo que Olivo Celta.

-¿Cal é a mellor lembranza ao longo deste anos?

-O ascenso a Primeira foi o que me quedou marcado, tamén aquela tempada porque vivimos partidos bonitos, ainda que baixamos inmediatamente, en parte por falta de recursos económicos.

-¿E unha anécdota que teña sempre na cabeza?

-En Canarias nun partido un afeccionado saltou ao campo, fun a collelo e deume un castañazo que aínda me doe hoxe.

-¿Está garantida a presenza do equipo na fase de ascenso?

-Ímola xogar aínda que sexa poñendo diñeiro do bolsillo os directivos, non lle podemos quitar a ilusión ás nenas.

-¿Ten a sensación de que se lle dá menos valor aos seus títulos?

-A xente non lle dá tanto mérito como ten, parece que é unha cousa que xa está feita e que non hai que darlle máis voltas. A xunta directiva que preside Camilo Pais estamos súper orgullosos do cadro técnico e das xogadoras.