Toda aposta conleva os seus riscos. Sábeo ben o Celta B, que hai aproximadamente un ano tomaba a decisión de competir en Segunda División B cun proxecto ambicioso pero que, facendo un símil económico, xa se presumía un produto de alto risco. Un adestrador sen experiencia na división de bronce e sobre todo unha plantilla de moitos quilates en canto a calidade, pero de moi poucos anos en canto a experiencia, eran unha aposta forte. Unha aposta que, de saír ben, estaba chamada a acaparar ovacións e a abrir portas, pero que de saír fallida podía conducir ao descenso a Terceira División. Exactamente o que sucedeu.
Enmendar esa aposta truncada costoulle ao Celta 265.000 euros, o prezo dunha praza en Segunda B. Quizais por iso o clube este ano prefire ir máis sobre seguro. Non quere paseos polo aramio. Non busca as flores reservadas para os éxitos inesperados. Busca pragmatismo. Un sitio no que foguear ás súas xoias, pero cuns riscos calculados.
O xiro conservador do novo proxecto do filial céltico deu onte os seus primeiros pasos coa chegada da primeira fichaxe. Jonathan de Amo, un defensa catalán que procede da primeira division polaca e que aportará experiencia a un equipo que o ano pasado se gababa sobre todo de xogadores de colleitas posteriores. Este ano non haberá movementos arriscados. Non se xogará cun investimento de 265.000 euros. O camiño está marcado e segue unha liña de trazos máis conservadores cos que se buscará ante todo a permanencia. A salvación que poden garantir tres, quizais catro fichaxes que aporten veteranía, e que o ano pasado, cando o equipo xa as reclamaba a berros, non acabaron de chegar. O club preferiu manterse fiel ao seu ideario. A xogada saíu fallida, pero as consecuencias marcaron o camiño. Corren tempos novos no filial celeste.
lorena.garcia@lavoz.es