A ferramenta para Galicia

Gonzalo Méndez

VIGO

ACátedra Unesco de Desenvolvemento Litoral Sostible Campus do Mar supón un acicate á nosa aposta pola excelencia, a innovación, o fortalecemento, o intercambio e a cooperación. Así mesmo, axudaranos a facer nosos os obxectivos, directrices e prioridades da Unesco. O obxectivo a longo prazo é a unión de intereses investigadores, docentes, económicos e sociais no espazo litoral e marítimo, para a consecución dun desenvolvemento litoral sostible, que garanta a valorización do patrimonio natural e cultural. Para iso debemos potenciar a mellora da formación do persoal docente, investigador e de xestión, adaptando a súa formación ás necesidades e desafíos da ordenación litoral sostible; crear unha canle de comunicación estable entre o mundo académico e a sociedade, a través da realización dun conxunto de eventos (xornadas, exposicións, espazo web e actividades de formación); asegurar unha boa comunicación, eliminando barreiras territoriais e culturais mediante o emprego das TICs; e articular a cooperación para o desenvolvemento desde Campus do Mar. Con seguridade a Unesco valorou a fortaleza do proxecto nacido no marco dun Campus de Excelencia Internacional, a importancia da agregación de institucións e a altísima potencialidade de internacionalización. O proxecto é un exemplo de traballo colaborativo e ofrece a Galicia unha ferramenta de cooperación na promoción do desenvolvemento sostible dun dos seus recursos máis valiosos: o litoral.