Un lugar onde querer vivir

Cándido Pérez

VIGO

obarrio histórico da cidade de Vigo, máis coñecido como Casco Vello mudou o deterioro lento e permanente no que estaba sumido por unha recuperación lenta e agardemos que imparable. Pasou de ser un lugar por onde non pasar, a evitar, por un lugar onde a xente quere volver a vivir.

A atención que dende o Concello se lle ten dedicado nos últimos catro anos, co proceso de reparación e recuperación das rúas e a instalación dos servizos básicos no seu subsolo: recollida separada de augas fecais e pluviais, gas, auga potable, alumeado, telefonía, etc. ; o proceso de rehabilitación de vivenda e locais comerciais ao que ten contribuído o Consorcio do Casco Vello, participado pola Xunta e o Concello; a aposta dalgunhas administracións, entidades e profesionais por establecer nel as súas oficinas e despachos; as persoas que teñen apostado por mercar ou rehabilitar a súa vivenda ou por alugar unha morada; a recuperación de festas tradicionais como os maios ou o Samaín, e a organización doutras novas como a Reconquista, todas estas iniciativas e moitas outras, todas as persoas e organizacións, teñen contribuído á recuperación do barrio, a que comece a ser un lugar onde querer vivir, en vez dun sitio polo que non pasar.

Por iso faise cada vez máis necesario manter a cooperación das administracións implicadas para seguir recuperando o barrio polos seus propios medios ou facilitando a participación da iniciativa privada.

A erradicación, ou canto menos, o control da delincuencia, moitas veces ligada ao consumo de drogas e ao alcohol e focalizada en rúas moi determinadas; a recuperación de servizos: bus e coidadoras; a recuperación da praza e vivendas do Berbés; a urbanización do barrio do Cura, a conversión do edificio da Panificadora en equipamento público, e o mantemento dos programas de rehabilitación de rúas e edificios, permitirán que o barrio manteña a senda de recuperación iniciada, unha oportunidade que non podemos deixar escapar.