Expedientes absurdos

Óscar Lomba

VIGO

06 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Oempregado de banca Josef K., de trinta anos, recibe unha declaración de arresto por parte de dúas persoas. Foi instruído un proceso con el como procesado. Seguro primeiro de si mesmo e logo esmagado paseniño por unha máquina procesual da que non alcanza a comprender os mecanismos, Josef K. termina desatendendo o seu traballo ata deixarse absorber completamente polas esixencias do proceso. Tras ser abandonado por todos, resígnase por fin a aceptar unha condena que el mesmo, sen coñecer a razón, considera irrevogable. Ao amencer do día do seu trixésimo primeiro aniversario, outros dous señores vestidos de negro preséntanse ante a súa casa, préndeno e condúceno nos arredores da cidade, onde é axustizado.

E vén a conto este pequeno resumo da devandita novela de Kafka porque no PSOE vigués estamos asistindo a unha especie de proceso kafkiano. Refírome, evidentemente, ao expediente sancionador aberto a Carlos A. G. Príncipe e Antonio Manuel Chaves Cuíñas, militantes socialistas da Agrupación Local de Vigo.

O absurdo proceso carece de calquera fundamentación regulamentaria e adoece de numerosas insuficiencias legais que o invalidan e desautorizan xuridicamente. Comezando polas acusacións pódese aseverar que son expostas de maneira xenérica e imprecisa, e por iso calquera que lese a notificación que recibiron os procesados podería facerse as seguintes preguntas: ¿A que feitos concretos refírense cando falan desa presunta falta de solidariedade contra as decisións e actitudes adoptadas polos órganos competentes do partido? ¿A que declaracións específicas fan alusión cando din que os procesados fixeron públicos a través de prensa escrita, radio e televisión, páxinas web ou desde perfís propios ou alleos en redes sociais opinións, ideas e comentarios opostos á liña política do partido? ¿Contra que decisións concretas do partido e de que episodios indisciplinados reiterados falan? Non hai respostas. Os expedientes en curso vulneran o dereito fundamental a libertade de expresión.

Doutra banda os instrutores do procedemento forman parte da propia Executiva Local do PSOE vigués e non parece que sexan as persoas máis indicadas para conducir este proceso.