O auditorio municipal acollerá o vindeiro sábado un concerto do grupo de música tradicional Noitarega, no que presentarán o seu disco XXI.
-¿Que é XXI?
-Son os anos que levabamos tocando xuntos cando sacamos o disco. Ademais, interésanos facer música tradicional perfectamente adaptada para os ouvidos do século XXI.
-¿É momento de facer balance?
-Si porque durante este tempo mantivemos unha traxectoria de coherencia estética e musical. O disco reflicte tamén algunhas pequenas evolucións que estivemos levando a cabo, elixindo algúns tipos de gaitas diferentes en tonalidades, frautas e incluso gravamos unha peza con gaita e piano.
-¿É unha contradición a intención de renovar o folk?
-É unha necesidade, como para calquera posición estética artística. Hai que darlle saída á creatividade dos músicos. En Galicia temos a sorte de ter moita oferta, dende o máis tradicional até o folk máis renovado. Nós estamos nun punto de equilibrio.
-¿Notaron algunha evolución no público nestes anos?
-É moito máis ecléctico que entón, afortunadamente. Teño alumnos de gaita que levan no MP3 unha peza de Noitarega xunto a un éxito de música pop.
-¿Hai, entón, máis xente formada musicalmente?
-Si, entre todos fixemos un esforzo de normalización musical, que aínda non está rematado pero si moi encamiñado no ensino e nas calidades finais dos produtos nos concertos e nas gravacións. Si hai agora un público máis formado e moito máis aberto, que esixe calidade e un abano máis amplo.
-¿Como foi a vosa experiencia co público de fóra de Galicia?
-Boa. Lembro cando tocamos en Estados Unidos que atopamos un público moi heteroxéneo, pero ao mesmo tempo moita presenza galega, que da a seguridade e a calma de tocar para a xente da túa terra. Comprobamos que o Arco Atlántico interesa moitísimo musical e culturalmente en aquel lugar.
-¿O folk galego ten máis dificultades para tocar en España que no estranxeiro?
-Quizá teña que ver máis con outras concepcións e prexuízos sociolóxicos que coa música. É moi fácil mover un grupo de folclore por España porque hai moitísimos festivais e entre eles funciona moi ben o intercambio. Cando xa falamos de grupos profesionalizados, co seu palco, caché e o seus concerto empeza a ser un pouquiño máis difícil.
-¿Como vai ser o concerto?
-Quixemos contar con moitos dos colaboradores do propio disco e algunhas persoas máis que valoramos persoal e musicalmente. Vai ser un paseo constante de invitados e nós sempre no medio.
-¿Quen estará?
-Van estar Anxo Pintos, Susana Seivane, Luís O Caruncho, Berto Costas, Xaime Estévez, Roberto Comesaña, Silvia Costas, Coral Lago, Pandeireteiras Grialia, Nuria Lorenzo e catro bailaríns de O Fiadeiro.
-Chama a atención a presenza da mezzosoprano Nuria Lorenzo.
-Pois Alborada galega, de Pascual Veiga, é unha melodía moi tocada polos gaiteiros en todos os tempos e polas bandas sinfónicas pero rara vez se ten cantado. Nós gravámola nun arranxo precioso, de Roxelio de Leonardo Bouza. Démonos conta que podería ser unha nota de distinción e unha reivindicación de esa letra, ademais a calidade de Nuria é impresionante.
xosé oliveira músico de noitarega