Entre o divino e o humano, Don Paco

Jorge Lamas jorge.lamas@lavoz.es

VIGO

30 nov 2010 . Actualizado a las 19:16 h.

Ao ritmo da Marcha do Antigo Reino de Galicia , interpretada por un grupo de gaiteiros entre os que estaba O Caruncho, comezou onte o funeral en memoria de Francisco Fernández del Riego. A carón da concatedral, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a presidenta do Parlamento Galego, Pilar Rojo, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes. Comezaba a despedida relixiosa de Don Paco, o único acto que non prohibiu o egrexio galeguista, pouco amigo de recibir parabéns, aínda que no fose agora o caso.

Unha vez coñecido o pasamento de Don Paco, establecéronse dous modos de despedida. Por un lado, a que deixou por escrito o creador do Día das Letras Galegas, que depositou nas mans dos seus familiares. Por outra banda, os seus fillos, netos e bisnetos na galeguidade, é dicir, canto se sinta galego hoxe en día, decidiron organizar unha despedida no feudo do finado, na Casa Galega da Cultura, acolledora da Fundación Penzol. Os membros desta fundación e o consello de administración da Editorial Galaxia, da que el foi un dos seus fundadores na longa noite de pedra, puxeron un libro de condolencias ao servizo da cidadanía. Por alí pasaron moitas persoas que deixaron por escrito os seus sentimentos cara o patriarca galego, que o vindeiro 7 de xaneiro cumpriría 98 anos. Foi a despedida civil. Alguén discutía onte na porta da Casa Galega da Cultura se Don Paco era de misa ou non, como se fose importante.

Así entendérono moitas das persoas que acudiron á concatedral, onde o bispo oficiou o funeral. Algúns declarados alérxicos á liturxia católica, como Xesús Alonso Montero, ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Alí estiveron. Como tamén acudiu á cita relixiosa Julio Fernández Gayoso, o primeiro día que exercía de copresidente da nova caixa galega. Xente que vive lonxe de Vigo, coma Xosé Neira Vilas, Xosé Ramón Barreiro ou Luís Manuel García Mañá. Alfonso Paz Andrade, fillo de Valentín, quen lle dera traballo en Vigo en 1939. Acudiron á cita. Ou Alfonso Zulueta, Camilo Nogueira e Franco Grande.

Tampouco esqueceron a chamada das campás da concatedral o Abel Caballero, Santiago Domínguez e José Manuel Figueroa. E outros políticos, coma o Delegado do Goberno, Antón Louro, ou o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, ou tamén a deputada do BNG Olaia Fernández Davila. De feito, a corporación viguesa acordou onte declarar dous días de loito na cidade. O mesmo ministro de Educación, Ángel Gabilondo dedicoulle unhas palabras durante a súa visita a cidade, comparándoo con Carlos Casares e Ramón Piñeiro. E agora chegarán outras homenaxes, como a que organiza a Xunta para mañá. Ou a que xa adiantou Galaxia que terá lugar en Vigo o vindeiro 7 de xaneiro. A data elixida é importante para o galeguismo. Non só é cando naceu Francisco Fernández del Riego. Ese mesmo día do ano 1950 morría en Bos Aires Castelao. O mesmo a quen unha nena mandáballe unha aperta a través de Don Paco.