«A ampliación é a solución axeitada a medio prazo»

Tania Alonso VIGO/LA VOZ.

VIGO

19 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, sorpréndese pola petición de cesión de terreos feita por Educación xa que, segundo el, «son eles os que teñen que dar primeiro o visto e prace por escrito».

-¿Que vai facer o Concello ante a petición de Educación?

-Mañá (por hoxe) teño un encontro co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e falarei con el para aclarar esta cuestión. Nós non podemos facer nada sen que previamente se nos dea o visto e prace dende a Xunta. Por isto, non imos transformar o monte comunal sen saber de maneira segura se eses terreos van ser válidos para a construción do colexio.

-Segundo Educación, é o Concello o que ten que dar o seguinte paso...

-En realidade, o Concello está esperando unha resposta positiva de Educación dende a reunión que mantivemos a finais do ano pasado. En abril mantivemos outro encontro con motivo da modificación da Lei do Solo, pero non se chegou a ningún acordo por escrito. Agora estamos a espera á celebración dunha nova reunión para setembro na que tratar estas cuestións.

-Educación négase a ampliar o colexio existente como alternativa a construción dun novo. ¿Cal é a postura do Concello?

-Para o goberno municipal trátase dunha solución axeitada para curto e medio prazo. Tamén hai que dicir que existen escolas veciñas, apenas a cinco minutos de Salceda como é a Budiño que teñen prazas baleiras. Por outro lado, hai que recalcar que o propio Concello financiou creación a do novo comedor do colexio Altamira.