O sindicalista defende o modelo de confrontación porque «é o que necesitan os traballadores»
01 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Serafín Otero leva apenas cinco meses no cargo de secretario comarcal da CIG en Vigo e este Primeiro de Maio será a súa estrea á fronte da manifestación central do sindicato nacionalista na cidade. -¿Estamos ante o Primeiro de Maio máis desunido sindicalmente? -Este ano a situación con CC. OO. e UGT é de máis distanciamento se cabe, pero é unha situación que se da en todo o Estado. Claro, eles seguen consignas estatais, pero temos diante unha situación complicada e hai que dar contestación social. A CIG ten un modelo de confrontación, de saír a rúa. Pode que sexa un modelo de antes, pero é o que necesitan os traballadores. -¿Que é o que máis distancia a CIG de CC. OO. e UGT? -Hai moitas diferenzas. En primeiro lugar, as ideolóxicas: nos somos nacionalistas. En segundo lugar, dende fai tempo se están dando as condicións para contestar de forma contundente medidas como a ampliación da idade de xubilación ou unha reforma do mercado laboral que implique abaratamento do despido. Esta mesma situación noutros países xa tivo resposta. -¿O Goberno ten medo a unha folga xeral? -O Goberno está perdido. A sensación que hai é que non sabe nin o que vale un euro de agora, que xa non son 166 pesetas. Son todo bandazos que crean unha situación de inestabilidade na clase traballadora. Hai incerteza incluso para os que teñen emprego fixo. -¿Como cualifica o papel que está tendo o Goberno galego? -A situación é difícil. En Vigo pasamos dos 30.000 parados, e en toda o área xa son 60.000. Non sairemos da crise mentres non salgamos do paro e o Goberno galego non está a falar cos axentes sociais. Nas reunións que hai cos sindicatos só se fala de formación, e xa vai sendo hora de que o Goberno galego se poña as pilas e se implique na reclamación de transferencias. -¿Cal é o seu diagnóstico para o que resta do 2010 no área de Vigo? -Totalmente negro, como non cambiemos de modelo. En Vigo temos unha dependencia moi importante da automoción, pero o que pase non é decisión nin do Goberno central nin da Xunta: ata 30.000 postos de traballo dependen dos franceses. No naval parece que hai certo repunte, pero o problema é mais que iso. A xente precisa confianza e non a hai. -¿A CIG vai seguir apostando por a estratexia de confrontación e de saída a rúa? -A CIG ten 23.000 afiliados, cun crecemento do 50% nos últimos seis anos. Se temos esa afiliación é porque somos un sindicato diferente e a xente ten confianza en nós e no noso modelo. As decisión tomámolas asembleariamente, unhas veces sae mal e outras sae ben.