Máis servizos no corazón da cidade

Meira Paz

VIGO

A recuperación de edificios nobres para equipamentos culturais e organismos permitirá dotar á zona histórica de novos focos de atracción de visitantes

22 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A recuperación do barrio histórico de Vigo, ademais de polas políticas de vivenda e humanización de rúas, tamén pasa pola creación de novos equipamentos e servizos. Nesta liña, o Concello e outros organismos e institucións están apostando pola recuperación de edificios nobres para crear dotacións.

A posta en valor destes inmobles vai supoñer a creación de novos focos de atracción no Casco Vello, tanto na parte alta como na baixa. Os expertos consideran que é unha forma de darlle vida ás rúas e que servirán para tirar da iniciativa privada xusto na súa área inmediata de influencia.

Un bo exemplo son a pinacoteca que a Concellería de Cultura proxecta no pazo Arias Taboada, nos números 8, 10 e 12 da rúa Abeleira Menéndez, e o futuro centro de interpretación do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que estará situado no edificio Cambón.

O primeiro será un equipamento cultural de 1.400 metros cadrados para expoñer os fondos de pintura galega do museo de Castrelos. O obxectivo é que abra as súas portas no 2011 tras un investimento de más de dous millóns de euros. Por outra banda, o Ministerio de Medio Ambiente tamén está acometendo o acondicionamento da futura sede do parque das Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada. O desembolso supera os catro millóns de euros. Este tipo de infraestrutura é fundamental para os espazos protexidos e contan con milleiros de visitantes anuais.

Moito antes, está previsto que entre en servizo o local da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC) no 16 da rúa Real. Outros catro edificios desta mesma rúa (nos números 27, 29, 31 e 33) servirán para acoller o Rexistro da Propiedade. O colexio de rexistradores adquiriulle no seu momento os inmobles ó Consorcio do Casco Vello.