O grupo parlamentar do BNG, a través da súa deputada, Teresa Táboas, ven de preguntar polo estado no que se atopan as tramitacións administrativas iniciadas polo goberno anterior para regularizar a situación das empresas que se ubican no polígono da Pasaxe en Gondomar. Táboas rexistrou unha iniciativa parlamentar na que lembra que na pasada lexislatura se adxudicou o proxecto sectorial e de urbanización dese parque, «para rematar cunha situación anómala nun espazo empresarial dinámico que alberga moitos postos de traballo», explicou.
A adxudicación fíxose a través dun protocolo de colaboración co concello que recollía a participación da Asociación de Empresarios da Pasaxe, da Xunta de Propietarios dos terreos incluidos no ámbito do polígono, da Comunidade de Montes de Vincios e diferentes administracións.
Regularización
Tratabase, engade a parlamentar, de permitir a moitas empresas alí instaladas poder regularizar a súa situación actual, ademais de dotalas dos servizos e infraestructuras que require un parque empresarial «do século XXI»
. Afirmou que se non se continúa coas tramitacións iniciadas o problema seguirá sendo moi grave, pois a actual situación impide a moitas empresas a súa ampliación, como é o caso da empresa viguesa do naval Ganain, que fixo o anuncio de ampliación en Valença do Miño en Portugal, ante a imposibilidade de facelo en Vincios-Gondomar, co que isto implica na perda de postos de traballo.