Un veciño do Progreso gaña o concurso para disfrutar de balde do barrio histórico

VIGO

17 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O concurso organizado por Tenencia de Alcaldía e polo Grupo Voz non para. Nesta ocasión o afortunado gañador de Percorridos no Casco Vello foi Ignacio Zambrana, vigués do barrio do Progreso, que se une á nómina de gañadores anteriores, Ángeles Tuche Silva e Raquel Giráldez.

Esta última semana incrementouse de forma intensa a participación no concurso que permite disfrutar de balde dunha noite no Casco Vello. Ignacio aínda non decidiu con quen vai compartir o premio. Esta reacción estase a converter nunha tradición. Para os que non o saiban, dicir que Percorridos no Casco Vello regala cen euros para gastar en comercios, un par de cervexas, un par de copas en distintos establecementos, unha cea e unha noite no hotel Porta Gamboa, qu ocupa un precioso edificio na rúa do mesmo nome e que ofrece todo tipo de comodidades.

Ignacio mostrouse moi contento co premio: «Pareceume unha iniciativa curiosa e ben bonita para dar a coñecer o Casco Vello, e para disfrutar de algo que temos abandonado». Vai moito polo barrio histórico. «Vivo cerca e teño moitos amigos alí», di. Nota melloría «pero soamente en canto á rehabilitación dos edificios, pero agora hai que procurar que a xente viva neles. A moita xente lle encantaría». Ignacio pídelle a Xunta e Concello «que se poñan de acordo para que se ocupen». E ese incremento de xente «traerá servizos, tendas, bancos...». O gañador do premio anima aos vigueses a coñecer o Casco Vello: «Independentemente do aspecto do barrio eu animo á xente a que veña, que baixen a dar unha volta. Merece a pena».