O Verbum recorda a relevancia pública de Ramón Piñeiro

VIGO

11 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Olladas no futuro

é o título dun libro, editado hai un ano por Editorial Galaxia, no que se recollen escritos de Ramón Piñeiro, que abranguen un período de vintecinco anos e moi diversos temas. O título é recuperado agora pola Editorial Galaxia para presentar unha exposición na que se quere subliñar o papel do escritor de Láncara na longa noite de pedra.

A exposición foi inaugurada onte no Verbum de Samil, onde permanecerá ate o vindeiro 1 de novembro. Comisariada polos profesores Henrique Monteagudo e Carlos Fernández, a exposición itinerante Ramón Piñeiro. Olladas no Futuro estivo xa en Lugo e na Coruña, e despois de pasar por Vigo, vaise achegar a Santiago de Compostela.

Na organización desta mostra participan, ademais de Editorial Galaxia e a Fundación Penzol, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Concello de Lugo e a Presidencia da Xunta de Galicia.

En dezaoito paneis, e arredor dunha recreación escenográfica da mesa braseiro de Ramón Piñeiro, como símbolo dunha época, faise un percorrido pola vida e obra do galeguista de Láncara, así como polos principais acontecementos da Galicia do século XX. En sete vitrinas amósanse manuscritos, obxectos, documentos persoais e algunhas mostras da inxente correspondencia que, ao longo de toda a vida, Ramón Piñeiro escribiu e que foi parte importante do seu labor socrático a prol da recuperación da lingua e da cultura.

Completan a exposición tres pantallas de plasma nas que se recollen imaxes de Piñeiro e unha base de datos multimedia para acceso de curiosos e escolares. O deseñador foi Xosé Díaz e o escenógrafo, que reconstrúe simbolicamente parte do gabinete da rúa Xelmírez, Rodrigo Roel. O gabinete orixinal foi instalado hai uns meses na Casa Galega da Cultura. O conxunto é un símbolo da transmisión oral galeguista que exerceu Ramón Piñeiro, durante a ditadura franquista, coas novas xeracións.

Día das Letras

A Real Academia Galega dedicou este ano o Día das Letras a Ramón Piñeiro, ao consideralo unha figura clave do galeguismo na segunda metade do século pasado. Piñeiro naceu en Láncara no ano 1915 e militou no Partido Galeguista, aínda que, xa co retorno á democracia, foi parlamentario autonómico nas filas do PSdeG-PSOE. Morreu no ano 1990.