O BNG vigués encara o proceso de reforzamento cara as municipais do 2001 da man de Miguel Pérez González, un traballador de Citroën de 54 anos sen relevancia política ata o de agora. Foi elixido responsable local por unanimidade na asemblea celebrada o pasado luns.
-¿Como chegou a este cargo?
-Eu pertenzo á corrente interna Máis BNG e os compañeiros entenderon que podía ser o idóneo paro o posto.
-¿Que obxectivos se marca para o seu mandato de dous anos?
-Sen dúbida, centrar o traballo da organización ante as vindeiras eleccións locais. Temos que facer unha análise da situación e ver que cousas é preciso correxir; tamén, achegarnos máis á cidadanía e explicar o traballo que fai o grupo municipal.
-Faise cargo do BNG nun momento de retroceso do nacionalismo. ¿ É a situación tan grave como semella desde fóra?
-Somos conscientes de que non estamos no mellor momento, pero tamén que o BNG non ten neste momento a representación que ten que ter.
-En Vigo chegaron a ter oito concelleiros e a alcaldía, despois cinco e os resultados das europeas lles darían soamente dous.... ¿Onde coloca a barreira do éxito nas municipais?
-Resulta evidente que non se pode trasladar os resultados dunhas eleccións a outras. Penso que o traballo do grupo municipal está sendo ben levado; o noso obxectivo é aumentar a representación.
-Entón, ¿empezan a superar o shock dos comicios autonómicos e da perda da Xunta?
-Estou convencido de que si. Agora é o momento de vernos internamente, do esforzo na comunicación coa cidadanía e tamén ilusionar á militancia.
-¿Cal é o seu balance da xestión municipal do Bloque en Vigo?
-Aquí gobernan dúas forzas políticas diferenciadas, aínda que quizais non se visualiza o suficiente o traballo dos nosos concelleiros.
-O BNG mantivo perante dous anos unha guerra de baixa intensidade con Caballero, pero tras o 1-M acabaronse as liortas. ¿É unha opción para non perder máis votos?
-Todo goberno, e máis unha coalición, precisa un tempo para o seu encaixe.
-PP e PSOE manteñen continuas polémicas nas que o Bloque sempre queda ao marxe. ¿A que se debe?
-Posiblemente sexan guerras que teñen que ver máis cos partidos estatais. Nós non formamos parte da loita permanente de populares e socialistas.