O mariscal Ney marcha sobre Vigo

VIGO

01 jun 2009 . Actualizado a las 12:06 h.

Tras a victoria dos galegos en Santiago, os franceses decátanse de que o exército de paisanos que coñeceron hai tres meses está agora ben organizado. É por iso que se celebra unha reunión que será capital para o futuro da guerra. O escenario será Lugo. Os protagonistas: Os grandes mariscais de Francia Soult e Ney. A conversa rematará nun duelo a espada.

O mariscal Soult, tras unha campaña desastrosa en Portugal, houbo de regresar a Galicia. O gran estratego fora incapaz de cumprir as ordes de Napoleón, que lle cominou a avanzar con toda celeridade sobre Lisboa, sen deterse en reforzar as ocupacións. Pero a sublevación galega, que lle obrigou a dar un longo rodeo por Ourense, e a oposición portuguesa, atrasaron a súa marcha, ata o punto de que non logrou conquistar Oporto ata o 29 de marzo. Nesa data decidiu que non podía seguir adiante.

Para completar o panorama de males, estaba xa en Lisboa Sir Arthur Wellesley, o Duque de Wellington, que pasaría despois á historia pola súa victoria en Waterloo. Coñecendo os plans de Soult, os ingleses avanzan cara ao Norte de Portugal cunha masa de case 28.000 homes. Á vista do desastre que se aveciña, Soult evacúa Oporto e emprende a fuxida. Fíxoo pola única ruta posible, pois o inimigo tíñalle pechado o paso cara ao mar e cara a Zamora. A retirada foi dramática, tendo que atravesar por territorios inhóspitos, a campo través, percorrendo as serras que separan Portugal de Galicia, abandonando ao seu paso o seu últimos aveños, para entrar por Rairiz de Veiga e Porqueira como un exército de miserables, famentos, esfarrapados, baixo o temporal que sacudía Ourense, e saqueando as aldeas ao seu paso.

O soberbio Duque de Dalmacia, quen só catro meses antes entraba victorioso en Galicia, logo de poñer en fuga a Sir John Moore, padecía agora os rigores da guerra en carne propia.

Soult diríxese cara a Lugo, onde a guarnición francesa atravesa dificultades. Ao tempo, Ney deixa Asturias, cando lle informan de que a rebelión na provincia de Tui é xa moi preocupante. Así chega por fin o momento en que, na cidade das murallas, os dous mariscais de Napoleón deban reencontrarse e facer balance da situación.

A entrevista ten lugar en Lugo o 29 de maio de 1809. Soult quere que Ney reforce ás súas tropas, que veñen sen armamento, mal uniformadas, sen cabalos e sen artillería. O Duque de Elchingen precisaba, pola súa banda, que o de Dalmacia lle axudase a pacificar Galicia, esmagando ao exército do Marqués de la Romana, que seguía «a pasear» polas corredoiras galegas sen presentar nunca combate.

O encontro entre dous egos formidables tiña que rematar mal. E así foi. Os historiadores ingleses narran que Soult e Ney se botaron as culpas o un ao outro do fracaso en Galicia e Portugal, que os reproches levaron aos berros, os berros aos insultos e que, finalmente, ambos os dous desenvaiñaron as súas espadas e comezaron un duelo a morte, a aceiro, do que lles salvaron os seus homes, que acudiron a separalos.

Reconciliados de mala gana, os mariscais de Napoleón acadaron un acordo co que pensaban dominar finalmente Galicia e rematar coa resistencia. O plan consistía nun avance combinado, en forma de pinza. Ney marcharía desde Lugo sobre A Coruña, para ir baixando pola costa e retomando, sucesivamente, Santiago, Pontevedra, Vigo e Tui. Pola súa banda, Soult debía expulsar ao Marqués de la Romana, para mandar despois ao seu exército desde Lugo ata Ourense, por Monforte, avanzando logo paralelo ao Miño ata pechar as tenaces sobre Tui e Vigo. Con este acordo despedíronse os dous xenerais. Ney, disposto a tomar a praza de Vigo, auténtico cuartel xeral dos sublevados e a súa gran quebradura de cabeza. E Soult, disposto a incumprir a súa palabra e deixar abandonado a Ney á súa propia sorte. Así sucedeu. O plan trazado desbaratouse porque o Duque de Dalmacia decidiu non cumprilo, co que deixou a Ney só en Ponte Sampaio. Sobre o papel, o sistema de «tenaces» debía funcionar ben aos mariscais de Napoleón, quen dividía polo común aos seus exércitos en dúas faccións: Unha destinada a tomar as cidades e manter a orde, e outra, encargada do avance sobre o terreo e de presentar batalla. O historiador francés Louis Madelin explica así a distribución de roles entre Soul e Ney: «O emperador constitúe dous Exércitos: Un Exército de Ocupación, distribuído en «Gobernos Militares», encargado da pacificación, e un Exército de Operacións, libre de tal preocupación, constituído polas máis sólidas tropas, que ten por misión a de ir contra o "Corpo de Batalla" inimigo». O problema é que nin Ney soubo pacificar Galicia, nin Soult tivo éxito batallando en Portugal. E gran parte da responsabilidade está nas revoltas populares, coas que non contaban. O mesmo Madelin cita unha carta de Napoleón, datada o 24 de setembro de 1808, na que o Emperador minimiza a importancia dos guerrilleiros, dos que erroneamente se mofa. Obsesionado con manter a «liña de comunicación» entre os seus exércitos, Bonaparte escribe: «Non se interprete como perda da liña de comunicación o que sexa inquietado por cans, miqueletes, paisanos insurrectos, por iso que se denomina guerra de partisanos... iso non é nada». Como agora sabemos, o Corso non podía estar máis trabucado. E, logo da reunión de Lugo, é o propio mariscal Soult quen recoñece que a guerra en Galicia parece xa perdida. Faino nunha carta que escribe ao rei José I, na que afirma, desfeito: «Os galegos acabarán por aniquilar ao exército máis forte».

Pero, mentres Soult se retira cara á Meseta, tras unhas poucas escaramuzas por Ourense e Lugo, o 1 de xuño Ney ponse en marcha co seu exército, logo de mandar cara a Madrid, por inservibles para o combate, a unha columna de máis de mil soldados enfermos e feridos, os chamados «descabalgados», que van camiñando e desarmados.

Ney chega a Santiago con oito mil soldados, 1.200 xinetes, once canóns e dous obuses, o que constituía unha forza descomunal. Na capital de Galicia, o mariscal arenga ás súas tropas, fálalles das súas pasadas victorias en Europa, e afirma que o gran obxectivo é esmagar Vigo e, polo tanto, toda a provincia de Tui. «A existencia dos habitantes desta turbulenta provincia é incompatible coas miras do gran Emperador e coa tranquilidade de España, e o exemplar castigo a que se fixeron acredores conterá no seu xusto deber ás demais provincias da península española».Non se pode formular unha ameaza máis temible e damos por seguro que, de vencer en Ponte Sampaio, Ney tería sometido a Vigo a unha completa destrucción. Pero a victoria, contra todo prognóstico, será galega.