Francisco Fernández del Riego creou a celebración e escolleu a data ao coincidir co centenario da publicación de «Cantares Gallegos» na cidade olívica
13 may 2009 . Actualizado a las 11:52 h.Os expertos non se poñen de acordo se foi o 17 de maio de 1863 cando un prelo da rúa Real de Vigo rematou de imprimir a obra de Rosalía de Castro Cantares Gallegos . Si é sabido que nesa data, a poetisa compostelá dedicoulle o seu canto á escritora Fernán Caballero. A data non tería maior importancia de non ser porque foi elixida por tres académicos galegos para exaltar a lingua galega a través das súas manifestacións literarias. O que coñecemos como Día das Letras Galegas.
As orixes viguesas desta celebración non rematan na imprenta que Compañel tiña no Vigo do interior das vellas murallas. A creación dun día semellante foi proposta por dous académicos vigueses, Manuel Gómez Román e Francisco Fernández del Riego, e por Xesús Ferro Couselo, que exerceu a docencia no colexio dos xesuítas de Vigo. É a explicación oficial dos feitos, mais Francisco Fernández del Riego explica no seu libro Camiño andado que foi el quen tivo a idea e buscou a data axeitada, pero como era preceptivo que tres académicos asinaran a proposta ante a Real Academia Galega, buscou o respaldo de outros dous académicos. Os primeiros candidatos elixidos negáronse a asinar a proposta. «Teimoso no propósito, recorrín a Gómez Román e a Ferro Couselo, que aceptaron compracidos a invitación», escribe don Paco nas súas memorias.
Os tres intelectuais presentaron na Real Academia Galega a proposta de celebrar o 17 de maio para recoller o «latexo material da actividade intelectual galega», e foi aprobada. A primeira celebración tivo lugar o 17 de maio de 1963. Se ben o acto central tivo como escenario a sede coruñesa da Real Academia Galega, Vigo asumiu a celebración como algo propio. Aquel venres, o salón rexio do Círculo Mercantil foi ocupado por numerosas personalidades representantes de diferentes ámbitos da vida galega.
Filgueira Valverde
Filgueira Valverde, entón alcalde de Pontevedra, aludiu ao aspecto vigués da celebración, á relación de Rosalía de Castro co impresor vigués Compañel e cos irmáns Chao. O antigo militante do Partido Galeguista estableceu paralelismos entre o descubrimento dos cancioneiros medievais e o rexurdir literario de Galicia. Tras unha ovación, o grupo de teatro da Asociación da Prensa recitou poemas de Rosalía.
Antes, na casa do Concello, o secretario do consello de administración da Editorial Galaxia, Emilio Álvarez Blázquez, fixera entrega ao alcalde accidental do primeiro exemplar da XII edición de Cantares Gallegos , tamén impresa na cidade. «Vigo sempre foi unha adiantada en todo o que atinxe á cultura galega», afirmou Emilio Álvarez Blázquez. Contestou Varela Grandal que poría todo o seu empeño para que o libro fora coñecido en todas as escolas, «para que desde niños, aprendan a amar la poesía de Rosalía de Castro». O alcalde accidental recordou que o Ministerio de Información, dirixido por Manuel Fraga, patrocinou o «día de las letras gallegas, afirmando así el gran interés que éstas, tienen dentro de la cultura española».
En outras cidades
A sede da Real Academia Galega está na Coruña, cidade onde celebrouse o primeiro día das letras dun xeito peculiar. Non se lles ocorreu outra cousa que realizar unha ofrenda de flores a Manuel Murguía, marido de Rosalía de Castro. Non contentos cunha idea tan politicamente incorrecta, o presidente de tan douta institución gabou a «singular influencia que sobre su esposa ejerció tan insigne estilista e historiador». ¡Xa tiveron sorte que aínda non había un Ministerio da Igualdade!
En Santiago de Compostela os actos se circunscribiron ao ámbito universitario, e en Pontevedra, no Museo Provincial, sendo a cidade de Vigo a única que entendeu que a celebración tiña que saír dos círculos da cultura para tentar achegarse á sociedade civil, algo que tardaría moitos anos en conseguir, se é que se conseguiu. Agora, corenta e seis anos despois, Ramón Piñeiro é a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas.