Marcha Soult, goberna Chalot

VIGO

Tras a ocupación de Vigo, Soult tenta marchar con urxencia sobre Portugal, tal e como lle ordenou Napoleón, que desexaba que Lisboa fose ocupada en breve prazo. Pero as circunstancias non se axeitarían aos seus plans. O mesmo 2 de febreiro manda o mariscal ás súas tropas saír de Vigo cara á Guarda, para cruzar a Caminha en barcazas. Pero Galicia tiña entón, como ten agora, un «Xeneral Inverno», aínda que non tan poderoso como o de Rusia. E, nas dúas primeiras semanas de febreiro, o Sur do Reino é azoutado por un terrible temporal, que converte en lameiros os camiños e fai imposible navegar polo Miño.

Para engadir dificultades, os milicianos galegos e portugueses levaron todas as barcas da ribeira Norte, co que Soult vese na obriga de desistir e aloxarse en Tui ata o día 17, cando ordena á División Heudelet saír de Vigo para remontar o Miño. Buscarán unha zona, xa en Ourense, onde poida cruzar a Portugal en seco. Pero no seu penoso camiño, atoparanse cunha crecente actividade guerrilleira, que atrasará a súa entrada no país veciño.

Aínda que algún autor ten escrito que Soult marchaba con oitenta mil homes, a cifra é esaxerada. As súas tropas non chegaban nin a metade, pero son comúns os erros repetidos dunha obra a outra, porque en troques de investigar, case todos os autores téñense dedicado a copiar nestes 200 anos.

O comandante Chalot

Mentres marcha o groso do exército de Soult, en Vigo deixan os franceses acuartelados a uns 2.500 homes, ao mando xa de Chalot. Antes, o posto de gobernador vigués fora para o coronel Girardin, a quen sucedeu o xeneral Limoussin. A mediados de febreiro, o posto é para Chalot, que ten o grado de comandante de escuadrón.

No Arquivo Histórico Militar, na Colección Duque de Bailén, atopamos unha carta que o xeneral Lahoussaye escribe a Chalot o 8 de febreiro, onde lle pide que coide dos bens que deixou en Vigo e fálalle das penalidades da súa viaxe cara a Portugal. Nunha segunda misiva, o historiador Osuna Rey quere ver que Chalot era unha persoa de idade avanzada, pois Lahoussaye diríxese a el como «Le pere Chalot», expresión que interpreta como «pai Chalot» ou «avó Chalot», «o que vén confirmar a opinión que sobre o gobernador francés tiña o historiador militar Arteche, como persoa de pouco alento».

En efecto, Arteche despreza a Chalot, que puido ser unha persoa de idade, pero non por iso incapaz. En realidade, a crítica é similar ás que este historiador decimonónico exporía tamén contra o gobernador Villavicencio, xulgando aos dous polo feito de ter firmado sendas rendicións de Vigo.

En ambos os dous casos, tanto Villavicencio como Chalot rendéronse porque non tiña outra opción, que non fose un suicidio das tropas baixo a súa responsabilidade.

Polo tanto hai que dubidar da presunta incapacidade do «avó Chalot», e os feitos, coa súa habilidade posterior para negociar cos vigueses sublevados, desmentirán esta suposición de Arteche.

Febreiro avanza en Vigo baixo mando de Chalot e sucédense os atropelos sobre a poboación. Aos problemas de abastecemento, únese que Vigo se converte nun gran hospital, que acolle aos moitos galos feridos. O convento de San Francisco é acondicionado para os enfermos, mentres no Hospital Militar rexístranse numerosas defuncións de soldados. Segundo Avelino Rodríguez Elías, quen foi cronista de Vigo, son 22 os franceses mortos neste hospital, a meirande parte pertencentes a divisións do exército de Soult, aínda que se contan tres artilleiros de Ney. Todos son enterrados no areal de Coia.

O convento de San Francisco sofre especialmente as penalidades de acoller aos franceses. Frei José Rolán relata en primeira persoa a chegada dos galos, nun informe remitido á Xunta Suprema:

«Ás cinco da tarde, ao rematar de rezar o rosario na igrexa e cantar a salve da imaxe da nosa Señora das Dores coa demais xente que concorría a implorar o seu patrocinio, chegou outro deputado pedindo de orde da audiencia, todo o convento para acoller a setecentos franceses, deixándome só catro celas que eran a Gardanal, a do Definidor Martínez que era Gardián, a do Presidente Primeiro e a miña».

Rolán, que é o superior no Berbés, tenta evitar a ocupación do convento: «Pechei as portas da igrexa, e puxen luces diante da Virxe das Dores, que xa estaban no bosque os setecentos inimigos. Presentáronse cunha furia rabiosa, pedíndome cama, comida e viño, e ameazándome que se non o facía me cortaban a cabeza. Porque lles dixen eu que tiña roupa ningunha e que as demais cousas pertencían á provisión, quixeron deixarme morto no sitio, desenvaiñando as espadas todos os oficiais».

O frade asiste impotente ao asalto: «Romperon as portas da cociña e oficina, sacaron tres porcos, en touciños, que se mataron no mes de decembro, roubaron todos os lacóns que había, e seis milleiros de sardiña que un relixioso tiña de encarga. Os lacóns e sardiñas puxéronos a cocer, e logo que comeron canto puideron, empezaron a clamar a voces pedindo viño, ameazando que se non o facía, de matarme».

Frei José Rolán continúa a súa narración relatando como lle roubaron o viño do convento: «Baixei con eles á adega na súa compaña, e na reixa estaba esperando toda a tropa. Pediron o mellor viño, e dándolles a probar o que beberon dixéronme que lles dese a cada un o vaso máis grande que había no Refectorio, e que lles enchese a cunca. Pedinlles que o lles dar viño había de ser pola miña man, asegurando niso a miña defensa. Puxéronme os dous coas espadas desenvaiñadas e á porta da reixa fixéronlles vir de dous en dous a recibir da miña man o que me pediron».

No seu informe, o relixioso conclúe que o convento quedou case sen víveres: «Ás dez da noite concluíu toda a refrega con eles, deixándome sen alimento para cear eu e os demais que había no convento -dous criados, un relixioso enfermo e un lego que estaba ascendido ultimamente-, aquela noite non puidemos pasala senón cun pouco de pan de broa pedido de esmola e con traballo».

En sucesivas entregas, coñeceremos as desgrazas que se vivirán no convento do Berbés e o valor que amosaron os frades. Polo de agora, deixámolos nestas primeiras penalidades, mentres Soult marcha sobre Portugal, e quedan en Vigo os ocupantes, baixo mando de Chalot, esmagando aos veciños.

?