Na segunda semana de xaneiro de 1809 comezan a chegar a Vigo as avanzadas da División Craufurd, que veñen con novas ordes para a flota que espera na ría. Deben saír con rapidez con dirección a Coruña, onde espera o exército de Moore para ser evacuado a Inglaterra.
O camiño polo sur de Galicia ata Vigo ten sido terrible. O fusileiro Harris, que ía coas tropas de Craufurd, narra nas súas memorias cómo, pouco antes de chegar á vila olívica, entrou xunto a un compañeiro nunha aldea galega, onde pediron refuxio nunha casa. Recibíronlles cun disparo. Aínda así, entraron e recolléronse fronte o lume, a pesares de que o dono da vivenda apuntáballes cun fusil, mentres a súa familia mantíñase detrás del, morta de medo. Os pobres galegos nin sequera sabían se eran franceses ou ingleses. Pasado un tempo, os labregos entenderon que chegaban non como soldados, senón como miserables, e déronlles uns anacos de pan duro, o único alimento que posuían.
A investigadora Ana Urgorri relata así a estampa do camiño por Galicia: «A cuestión dos aloxamentos era desesperada, a causa do inmenso número de feridos e enfermos. As cidades estaban completamente ateigadas de xente. Enchían os camiños convois de feridos, en lentísimos carros de bois (que andaban a unha velocidade media dunha milla por hora), outros feridos ían a pé, sen case poder terse; outros, medio espidos e sen zapatos. Todo iso nun inverno terriblemente cru. Os hospitais estaban desprovistos do necesario para a subsistencia».
Cando as esfarrapadas tropas británicas entran en Vigo, podemos imaxinar a desolación da poboación. Se tan formidable exército -e as súas unidades de elite, como son as brigadas lixeiras-foxe deste xeito ante os franceses, qué poderán esperar paisanos mal armados como os da milicia honrada viguesa?
José de Santiago y Gómez, na súa obra Historia de Vigo e a súa comarca , afirma que os ingleses chegaron a Vigo o 21 de xaneiro de 1809, permaneceron cinco días, e os cifra en 500. A realidade é que eran case 3.500 e que tiveron que chegar moito antes. Na Biblioteca Británica atopamos un exemplar de The Times que afirma que a División Craufurd embarcou en Vigo o 18 de xaneiro. A data de chegada á vila olívica estímase a partir do 13 de xaneiro e de forma paulatina.
Por outra banda, outro testemuño sustenta que partiron de Vigo con urxencia, en contra do que se defendeu ata o de agora en todas as obras sobre a Reconquista viguesa, moitas inspiradas en Santiago y Gómez. Atopamos o dato nas memorias do Fusileiro Harris, quen embarcou tan inmediatamente que ata estivo a piques de quedar en terra.
Harris conta tamén a emoción que experimentou ao chegar a Vigo: «De súpeto oín un berro á fronte, que se prolongou nunha especie de balbordo. Todos parecían ser invadidos de esperanza; e cando os pobres alcanzaban o cumio do outeiro que estabamos ascendendo, escoitaba algunha ocasional exclamación de alegría, a primeira desta clase que oíra en moitos días. Cando alcancei o cumio a cousa falou por si mesma. Alí, lonxe ante nós, os buques ingleses descansaban ante a nosa vista».
Tamén narra Harris o bo recibimento que tiveron en Vigo: «Cando baixamos do outeiro atopámonos cos primeiros xestos de bos sentimentos dos habitantes que tivemos a fortuna de experimentar en toda a nosa retirada. Un número de mulleres de idade estaban situadas a ambas as dúas bandas do camiño e, de cando en vez, nos entregaban anacos de pan, a medida que pasabamos xunto a elas».
A narración de Harris confirma que a meirande parte dos soldados embarcaron inmediatamente -aínda que algúns quedaron atrás, acollidos en Vigo-, certifica o lamentable estado das tropas inglesas e, tamén, a xenerosidade dos vigueses, que daban pan a unha xente que quizais non o merecían, polos crimes cometidos durante a súa marcha polo Sur de Galicia.
Non conta Harris os problemas terribles de saúde con que chegaron os ingleses, non só pola desnutrición, senón porque moitos eran vítimas de tifo e padecían febres terribles.
A urxencia da flota por partir, da que fala Harris, confírmase noutro testemuño. Unha avanzada chega coas instrucións de partir, tal e como relata nas súas memorias o oficial Basil Hall, que se atopaba esperando á División Craufurd a bordo do buque Endimion : «Chegou unha nota do comandante, escrita na pel dun tambor durante a choiva, pero escrita claramente e no estilo dun soldado. Tróuxoa a Sir Samuel Hood un oficial medio morto de fatiga e ansiedade, que chegara a cabalo desde o cuartel xeral británico polas montañas salvaxes de Galicia. O vento viña do sur, tan forte que impedía mover os transportes. Con todo, logo de ler a primeira metade da nota, deuse orde de levar áncoras e media hora despois todos estabamos saíndo do porto».
A flota partiu en condicións meteorolóxicas terribles, o que a demorou á altura do cabo Fisterra, co que os primeiros buques non chegaron a Coruña ata o 14 de xaneiro, día en que comezou o embarque de británicos.
O mal tempo na costa galega demorará a travesía dos ingleses, de modo que no diario británico The Times lemos artigos de preocupación, datados en Vigo. O 30 de xaneiro de 1809, o xornal londiniense publica: «Como non recibimos noticias da chegada a Inglaterra da brigada do Xeneral Craufurd, que embarcou en Vigo, pensamos que se dirixiu a Cádiz. A tropas estaban a bordo o día 18 de xaneiro, e esperaban partir ao día seguinte. O vento foi moi favorable».
A noticia de The Times desmente a tese de José de Santiago y Gómez, repetida unha e outra vez en obras posteriores, de que a División Craufurd chegou a Vigo o día 21 de xaneiro e que permaneceu cinco días na vila. De ser así, practicamente estarían na cidade nas vésperas da ocupación francesa, o cal non é certo.
Así que os últimos evacuados partiron de Vigo o 18 de xaneiro. Deixaban, de novo, á vila olívica silenciosa e desprotexida. Dentro de tres semanas, os exércitos de Napoleón estarán fronte á Porta da Gamboa, esixindo a rendición dos vigueses.