O director de Edicións Xerais é un maniático das anotacións manuscritas, que garda en blocs numerados
16 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.«Non son nada fetichista, pero si un maniático da escritura manuscrita, quizais debido á miña formación como profesor de Educación Infantil. Ensinei moito a escribir e conservo esa devoción permanente por estar constantemente anotándoo todo», conta Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959), director de Edicións Xerais de Galicia dende 1994.
«Despois de probar en múltiples soportes, dende hai mais de dez anos conservo as libretas, que me acompañan a todas partes. Da última serie, dende o ano 2003, teño cerca de setenta. Antes escribía en cadernos, pero son menos portables e os deixei cando debía ir xa por máis dun centenar deles. As teño numeradas e nelas fago anotacións profesionais, persoais, notas de prensa, bosquexos de artigos, guións para as tertulias nas que participo na radio, anotacións das impresións dos viaxes a modo de diario... materiais, que digo eu». ¿E as cousas da vida cotiá? Tamén, tamén anota a lista da compra. O que non engade son debuxos, nin sequera monicreques, porque segundo confesa: «Son moi torpe para eso».
Blocs e blogs
«Chegou un momento en que me convertín nun coleccionista de libretas dun cuarto de folio. Nunha época mercaba as famosas Moleskine, pero agora xa me mola moito máis que sexan diversas. Incluso hai outras que chegamos a editar en Xerais como agasallo», dí mentres manexa a que fixeron na editorial o ano pasado polo Nadal.
A pesares da súa labor de calígrafo, o editor non é alleo ás novas tecnoloxías. De feito, a maiores do seu apego polo papel, declara que «tamén poderiamos dicir que o meu tesouro, aparte destas libretas nas que conservo parte da miña vida, tamén está nos cadernos electrónicos». Bragado ten colgado na rede dende hai catro anos o blog Brétemas, «e moitas veces o único que fago é transcribir alí as anotacións feitas nos cadernos manuscritos», conta, engadindo que na súa lista de gadgets tamén posúe unha PDA, «pero non son capaz de escribir, solo a uso como axenda», revela.
Nas libretas, o director de Xerais tamén vai engadindo outros obxectos polos que sinte aprecio porque tamén o ubican nun tempo e un lugar. Entre as follas, aparecen postais que atopa nas viaxes. «Recentemente, en México, collín unha da Semana do Libro Filosófico porque me fixo gracia, ou cando estiven na Feira do Libro de Frankfurt tamén trouxen algunhas bastante simpáticas». As postais, aínda que conforman unha colección aparte, non saen nunca das libretas.
Por certo, na última edición da feira alemá, Bragado constatou a impoñente presenza da Moleskine: «Agora é unha potencia, está nun pavillón de lingua inglesa, aínda que é unha empresa italiana; non imprimen nada, pero a firma converteuse nun fetiche da xente do ámbito da cultura e da edición. Teñen unha variedade verdadeiramente espectacular. É un fenómeno recente que asociouse ao mundo do deseño e conseguiron poñelo de moda, pero me parecen un pouco estreitas para a miña caligrafía», admite.
A súa obsesión polas libretas en branco, sen raias nin cuadrículas, coincide coa súa chegada ao mundo da edición, no que xa leva 18 anos (catorce como director, dende que Freixanes marchou a dirixir Alianza e quedou no seu posto). «Paréceme toda a vida -conta-, pero o certo é que cando estaba no ensino, que traballei oito anos como profesor de Infantil e Primaria, tamén os usaba, pero non os conservo».
Manuel Bragado é consciente da súa excentricidade, que xustifica con humor: «As veces paso as cousas pendentes dun caderno ao seguinte, pero recoñezo que como sistema de organización non é o mellor do mundo», di ríndose de si mesmo e da súa manía «anotatoria». As libretas tamén lle proporcionaron algún desgusto. Perdeu varias e relata que «foi unha cousa que me atormentaba, como a calquera persoa que ten unha manía».
Bragado non se arrepentiu nunca de deixar o ensino pola empresa do libro. «A edición deume todo: o coñecemento, a curiosidade e a capacidade de dialogar co tempo presente, que creo que é o que caracteriza o traballo dos editores. Estou orgulloso da miña profesión como pedagogo, pero a edición é unha actividade fascinante. Creo que dende que son editor cursei varias carreiras». Para o responsable de Xerais, hai dous requisitos para ser editor: «Un é a paixón por coñecer. O outro é a lectura, e eu teño os dous dende sempre», asegura.
«Panzadas» de novela negra
Pero como profesional que é, bota de menos o disfrute da lectura porque si, pois aínda que é unha das actividades a que máis tempo lle dedica cada día, non é bastante. Xerais publica arredor de 140 novidades cada ano, e o director o le todo. «É un requisito indispensable», afirma.
Pero o editor estraña outras cousas, e non precisamente os clásicos que todo pedante revisa ou di que revisa en vacacións. Prefire a novela negra e confesa que de vez en cando se concede un privilexio: «Pegarme unha panzada de Camilleri, Donna León, Sue Grafton o John Conelly, pero non o podo facer sempre», lamenta. Bragado ten unha visión positiva da situación do libro. «Está en crise porque temos a fortuna de participar nunha transformación histórica no acceso a novas formas de lectura. Eu son moi optimista co futuro», conclúe.