Un Santiago Domínguez exultante abandonou onte Madrid tralo exame das candidaturas. Obviamente, non haberá seguridade ata o día 11, pero o seu estado de ánimo era toda unha declaración de principios.
-¿Cal é a súa valoración da presentación?
-Eu saín máis contento do que entrei. Estamos moito máis cerca de ser a cidade candidata española que antes da presentación do proxecto. Fomos contundentes e as dúbidas que foron xurdindo as aclaramos. Tanto o discurso do alcalde como o do reitor e eu mesmo máis o vídeo onde falaron Touriño e o director xeral de Caixanova deixaron claro o apoio da cidade, das administracións, das empresas e incluso das sociedades deportivas.
-Está vostede moi contento...
-Moi contento e moi satisfeito, pero tamén moi nervioso ata que pase o día 11. Pasalo corte e importante para ter posibilidades; e se non é o 2013 ter opcións e estar no posto de saída para o 2015.
-¿Cómo valora o traballo realizado?
-Non ten tacha. Empezamos en serio a traballar en agosto trala visita a Bangkok. A verdade é que apostamos forte coa contratación dun equipo de profesionais, máis de doce, cun currículo avalado por outros xogos olímpicos, universiadades, importantes obras deportivas, etcétera. Dende un principio fomos a por todas e a aposta está dando resultados... aínda que debemos ser prudentes e esperar ao día 11.
-¿Pódese facer algo na semana que resta?
-Pouca cousa, está todo feito. A sorte está botada e o peixe vendido. Sen embargo, o equipo porase a traballar mañá mesmo e a explicación e ben sencilla: se saímos elexidos haberá que presentar o proxecto ante a federación internacional de deporte universitario en Bruselas antes do día 15 de marzo. Polo tanto, non haberá nin un día de descanso para darlle os últimos toques a fin de telo listo como moi tarde o día 14.