«A miña obra é de feitos reais pero tamén de sentimentos»

VIGO

Entrevista | María Xosé Queizán A escritora viguesa presenta hoxe o libro «Cólera», un poemario no que rememora o sentir dunha xeración que combateu o franquismo dende mediados dos sesenta

19 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?aría Xosé Queizán volve publicar un poemario, aínda que con moitos matices. A obra chámase Cólera (Edicións Xerais) e hoxe vai ser presentada, ás 20.00 horas, na sala de conferencias do Centro Social Caixanova (Policarpo Sanz, 26). -¿Que é «Cólera»? -É un libro que rememora a resistencia antifranquista dende mediados dos sesenta ata mediados dos setenta. Móvese no medio das folgas obreiras, as detencións, o exilio e tamén a morte. Rememoro aquel tempo pero como se fose naquela época, non trato de reflexionar dende hoxe en día, recupero os sentimentos que daquela tiñamos, de aí o nome, Cólera. -Pero é un poemario. -Si, saíume así porque en outros estilos literarios non podería reflectir os meus sentimentos de entón. É unha obra de feitos verdadeiros pero tamén é pasional. -É un xeito novo de situarse na lembranza do pasado. -Si, por unha banda, podo recordar e voltar a aquel momento, pero tamén pode considerarse un libro de historia porque saen personaxes reais, poderían saír moitos más pero o libro é un flash back que non require máis extensión; é coma un lostrego en onde saen os nosos sentimentos dentón. Daquela non só moviámonos ao redor das figuras marxistas, as figuras da independencia africana tamén influíron moito en nós, como Frantz Fanon o Nelson Mandela. Tamén saen momentos moi duros como os feitos das Encrobas ou a morte de dous obreiros en Ferrol. -¿E por que escríbeno dende un punto de vista masculino? -Non podería ser doutro xeito porque daquela eramos poucas as mulleres no fronte. A maioría tiña un papel moi pequeniño; algunhas chegaron ao feminismo polas contradicións entre o papel social e o político que se lle atribuía as mulleres. Podiamos participar na loita pero non nas decisións. Por iso, boto man da mentalidade extensiva de Kant para poñerme no lugar doutro. -A literatura aínda non se achegou moito aos convulsos tempos inmediatamente anteriores a democracia. -É certo, non está moi tratada porque as cousas teñen que pousar. O xornalismo é unha cousa e a literatura outra que require un certo paso do tempo. Neste sentido, eu creo que as cousas teñen que ir saíndo. -¿Como vai ser a presentación? -Falaremos pouco porque imos proxectar un vídeo feito con Forcadela no que eliximos seis poemas para situalos con imaxes.