Oitenta anos de galeguidade a través de danzas e modas

La Voz JORGE LAMAS VIGO

VIGO

Espectáculo | Musical A Factoría Teatro estrea en Vigo o espectáculo «Castronós, o baile», unha simbiose de música, danza e fala que tenta amosar a historia do século XX en Galicia

27 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

parte dunha idea, dunha situación, dun espazo e dun texto, Castronós de Xavier Picallo, para mostrar a historia do século XX en Galicia a través de estampas do noso imaxinario colectivo: as músicas, as danzas e as modas que nos fixeron ser quen somos, os xeitos de se relacionar, etc. Este traballo ten como obxectivo suxerir, a través da historia da música lixeira en Galicia e dos seus bailes, unha visión da historia na vida cotiá dos clientes e empregados dunha sala de baile. Unha simbiose de música, fala e danza que nos sitúa historicamente diante do que fomos dun xeito didáctico para coñecer o que somos na actualidade e ao que podemos aspirar no futuro. Actores e músicos A obra poderase ver hoxe, ás 22.30 horas, no teatro do Centro Cultural Caixanova de Vigo. Baixo a dirección de Xan Cejudo Álvaro e con coreografía de Olga Cameselle, a montaxe conta cun amplo elenco formado por oito actores e catro músicos. Son Josefa Barreiro, Rocío González, Antonio Salgado, Alfredo Rodríguez, Olga Cameselle, Marcos Correa, Carmela Bono, Pepa Yáñez, Gastón Matías, Fernando Lamas, Jesús Iglesias e Julio Andrade. A empresa viguesa La Canalla foi a encargada de deseñar o vestiario. «A utilización da roupa como obxecto dramático, evocador de sentimentos, estatus ou época. É desde aí onde comezamos a facer o noso traballo e poder transmitir ao público esta maxia que se produce no estudo de deseño, no local de ensaios dun grupo teatral, de danza ou de música; é un regalo que Castronós nos deu», explican dende La Canalla. A Factoría Teatro comeza a súa andaina en 1992 da man de Cristina Domínguez Dapena e Alfredo Rodríguez Fernández. Nace pola necesidade dos seus compoñentes de crear un espazo de difusión e potenciación da creación teatral contemporánea dentro dun traballo de investigación no mundo artístico e pedagóxico.