«A intención non é gravar senón tocar en directo»

VIGO

O actor lugués creou un grupo de rock, chamado The Ellas, que só fará versións de temas cantados por mulleres. Mañá actuará na viguesa sala La Fábrica de Chocolate

05 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Luís Tosar actúa mañá en Vigo como cantante de rock no seu novo grupo The Ellas (pronúnciese Di Elas). -¿O nacemento deste grupo supón a morte de Os Magical Brothers? -Non, Os Magical non está morto. Son proxectos distintos, Magical é máis cabareteiro e teatral, mentres que The Ellas é puramente rocanrrolero. -¿Como xurdiu a idea de formar The Ellas? -Foi unha idea de Piti Sanz e miña. Nós levamos moitos anos xuntos, dende que viviamos en Lugo, e tiñamos moitas gañas de montar unha banda entre os dous. Botamos man dos músicos Iván Laxe, Suso Alonso e Rodrigo Muñoz. -¿Cal é a liña do grupo? -Queriamos montar unha banda de rock e facer clásicos. Coincidiu que os primeiros temas eran de cantantes femininas e decidimos tirar por aí e revisar un pouco eses temas para facelos cunha voz masculina. Estas versións saíron máis rocanrrolizadas que nos seus orixinais. -¿Póñame algún exemplo destas versións? -Facemos versións de Suzanne Vega, Cyndi Lauper ou de Ronni Spector. -¿Fan algunha posta en escena especial? -Non estamos indo moito por esa onda. Home, somos todos bastantes paiasos e se hai algunha cousa e máis ben froito da espontaneidade. Imos un pouco máis ataviados do que é normal nunha banda pero pouco máis. -¿Como van funcionar? -Estamos supeditados aos nosos traballos. Estamos comezando, a ver co tempo en que queda todo. Pasar, pasámolo moi ben e se fose por nós estariamos dando bolos todos os días. -¿Que lle aporta esta actividade? -A música ten algo de inmediato e espontáneo que é moi difícil de acadar. No cine, é practicamente imposible. O teatro podería estar máis preto pero aínda así a música ten algo que vai tan directo as entrañas da xente que creo que é practicamente insustituible. Era algo que tiña apartado porque optei por dedicarme a interpretación. Agora é a hora de chegar a todo iso. -¿Pero teñen algunha pretensión máis? -Non, a intención é tocar en directo. Non hai ganas de gravar, nin nada polo estilo. Se nalgún momento xurde será porque realmente hai algo interesante que facer, pero somo basicamente unha banda de directo.