O poboado castrexo do monte de O Facho empeza a saír á luz

J. Santos CANGAS

VIGO

Reportaxe | As excavacións de Donón Personal da empresa BIC está traballando na consolidación dos pavimentos e paredes das estructuras que foron excavadas nas catro campañas realizadas desde o ano 2003

23 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

? poboado castrexo do monte do Facho empeza a coller forma. Non é un castro de grandes dimensións, pero destaca sobre todos os coñecidos por ter asociado un santuario adicado ao deus Berobreo, posterior á derradeira ocupación; un santuario que según todos os indicios, foi un centro de peregrinaxe importante nos séculos III e IV da nosa era. O castro máis o santurio son coñecidos desde os anos sesenta do século pasado. Dous afeccionados á arqueoloxía, Enrique Massó e posteriormente Suárez Mariño (pai do arqueólogo que dirixe as excavacións) atoparon varias aras que foron gardadas nos museos de Pontevedra e Castrelos. Houbo que esperar ao 2003, sen embargo, para que comenzasen as excavacións. Foi decisivo o interese do Instituto Arqueolóxico Alemán, que investiga as relixións prerrománicas; a disposición de José Suárez Otero, quen asumiu a dirección das excavacións; e o apoio do Concello de Cangas, que afrontou a maior parte do custe dos traballos. Desde o 2003 leváronse a cabo catro campañas. Saíron á luz trinta estructuras castrexas das aproximadamente cen que formaban o poboado, según os cálculos de Suárez Otero. Atopáronse case 160 aras ou altares coas que os peregrinos facían as súas ofrendas ao deus Berobreo, un número que da idea da importancia do santuario. Apareceron tamén milleiros de pezas diversas, incluindo moedas, restos de cerámica, metais e sementes. Despos das castro primeiras campañas, a Deputación, Caixanova e o Concello asinaron un convenio para financiar as excavacións ata o 2008. Aportarán 663.418 euros. O obxectivo do Concello cangués é musealizar o castro. Asociado a él vaise construir o «Centro do Berobreo» en Donón seguindo un proxecto aprobado polo goberno municipal que terá un custe de 366.492 euros. O centro constará de dúas construccións. Unha se destinará a taller e garaxe e a outra, a sala de exposicións e sala multiusos. Protección Durante estes días, personal da empresa BIC está realizando traballos de consolidación das estructuras atopadas que están xa totalmente excavadas. É un traballo miudo que empeza por colocar un drenaxe antes de facer unha limpeza do pavimento e dos muros. O piso trátase a continuación con alcohol metílico, acetona e un consolidante (silicato de etilo). Colócase despois unha tela de xeotextil e, sobre ela, unha capa de area e cal que imita ao pavimento orixinal, que queda oculto e protexido debaixo do xeotextil. A cabeceira das paredes consolídase con argamasa a base de area, cal e un tinte. Está previsto refacer compleamente unha das construccións para que os visitantes poidan ter unha idea de cómo vivían os poboadores antes da romanización. O próximo ano, en maio, terá lugar unha nova campaña de excavacións, a quinta. A pretensión é avanzar na recuperación do poboado e investigar o santuario ata as proximidades da garita que se ergue no alto do monte. No 2008 quedará totalmente excavado o santuario e visible unha parte importante do poboado castrexo. Tamén se investigará a ocupación anterior, do Bronce. Será a partir do 2008 cando o castro de O Facho estea listo para ser visitable. Será a musealización do xacemento.