Reportaxe | O pasado da cidade O museo Quiñones de León reabre a sala de arqueoloxía, tras varios meses pechada por mor das obras de reforma e reordenamiento da exposición permanente
19 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A Sala de Arqueoloxía do Museo Municipal Quiñones de León volve a abrir tras varios meses de traballos internos, obras de reforma e reordenación da súa exposición permanente. As obras consistiron nunha reforma xeral das antigas vitrinas e do sistema de iluminación xeral da sala, así como na substitución de escaleiras por ramplas para mellorar a accesibilidade. Ademáis, instalouse unha varanda, reformouse a instalación eléctrica, realizouse un pintado da sala e tratáronse algúns problemas de humidade. Tamén se levaron a cabo obras na capela contigua á sala, mellorando sensiblemente a iluminación e o aspecto das paredes ao se retiraren o aplacado de mármore e o forrado de madeira. Este proceso incluiu, así mesmo, a retirada do retablo, que foi sometido a un tratamento técnico de limpeza superficial e restituído ao remate das obras. As melloras tamén afectaron á recepción do Pazo-Museo. Novo discurso Os contidos da sala forón sometidos a unha reformulación, seguindo o deseño museográfico da arqueóloga-museóloga Pilar Barciela. O discurso da sala preséntase mediante temas monográficos en tres sectores ou bloques cronolóxicos que repasan a prehistoria, a cultura castrexa e a romanización da cidade. Os obxectos expostos dispóñense en vitrinas de parede e mesas centrais, que se complementan con elementos exentos. A lectura do discurso realízase en sentido circular en cada un dos tres sectores, comezando polas vitrinas de parede e acabando nas mesas centrais. Esta reordenación de contidos obedece á finalidade de mellorar a conservación preventiva das pezas e ofrecer unha exposición máis didáctica, considerando o peso dos grupos escolares na importante demanda de que é obxecto a Sala de Arqueoloxía. Os materiais que conforman a mostra proceden dos xacementos emblemáticos do termo municipal, é dicir, O Castro de Vigo, a vila de Toralla e a necrópole do Areal. A proposta museográfica segue criterios divulgativos e por iso inclúe as pezas que se consideraron máis representativas e mellor conservadas, ata completar un total de 498 pezas. A Sala de Arqueloxía do Museo Municipal de Vigo Quiñones de León sitúase na planta baixa da ala esquerda do Pazo. Os visitantes poden recorrer a prehistoria a través de obxectos achados dende hai 120.000 anos. Son estes, útiles procedentes do único xacemento escavado do palolítico na zona, o de As Gándaras de Budiño, no Porriño. O museo pode visitarse os martes, xoves e venres, de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas; os mércores, de 10.00 a 20.00 horas; sábados, de 17.00 a 20.00 horas; y domingos e festivos, de 10.00 a 13.30 horas. Para garantir a entrada no día e hora desexados compre que, os grupos de máis de vinte persoas, contacten anticipadamente co Museo Municipal.