O Marco proxéctase no exterior coa chegada a Pekín

La Voz LA VOZ | VIGO

VIGO

Reportaxe | A cultura viguesa no mundo O seu director participa na difusión da cultura española

14 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O Museo de Arte Contemporánea (Marco) participa na exposición colectiva de arte e cultura españolas que acompaña á inauguración oficial do novo centro do Instituto Cervantes en China, que onte foi visitada polos Príncipes de Asturias. Con motivo da inauguración desta nova sede en China, o Cervantes ten organizado un conxunto de actividades culturais -mesas redondas, debates, concertos, exposicións e outros espectáculos- nas que participan, entre outras institucións, un total de 16 museos e centros de arte contemporánea, incluídos dous galegos: o Marco de Vigo e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela. Labirinto de Museos e é o título da exposición que entre o 15 de xullo e o 15 de outubro ocupará as salas do novo Instituto Cervantes de Pekín. A mostra traza o mapa museográfico da arte contemporánea española dos últimos 20 anos, a través dun exhaustivo percorrido por 16 museos e centros de arte, que dan a coñecer os seus contidos e proxectos a través de maquetas, fotografías, documentación impresa e audiovisual, e unha serie de proxeccións de videoarte que comezarán a partir do mércores 19 de xullo. Espazo anexo Precisamente neste último apartado inclúense, no caso do Marco, obras de varios artistas galegos participantes nas mostras Urbanitas e Videourbanitas, dúas exposicións de produción propia que ocuparon as salas da planta baixa e do espazo anexo do museo vigués entre os meses de febreiro e xuño deste mesmo ano. Os artistas incluídos nesta selección de traballos en vídeo son os seguintes: Oliver Añón, Servando Barreiro, Vicente Blanco, Antón Cabaleiro, Maribel Castro, Isaac Cordal, Suso Fandiño, Félix Fernández, Amaya González Reyes, Francisco Meana, Berio Molina, Rubén Ramos Balsa e Ruben Santiago. Interese polo idioma Por outra banda, o director do Marco, Iñaki Martínez Antelo, atópase nestes días na cidade de Pekín para participar nunha das mesas redondas organizadas con motivo dos actos inaugurais da chegada do Instituto Cervantes a capital chinesa, un desembarco que faise necesario polo cada vez máis intereses dos chineses polo español. Concretamente, na que leva por título «Conceptos, exposicións e intercambios», xunto con Antonio Franco , director do Meiac de Extremadura, e os comisarios e críticos de arte chinos Huang Du e Pi Li.