O programa «Verán Xove» contará este ano con 1.400 prazas de campamento

La Voz LA VOZ | VIGO

VIGO

31 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A concelleira de Xuventude, Lucía Molares, presentou onte o programa Verán Xove 06, que contará este ano con 1.400 prazas de campamento, 300 máis que en 2005. A maioría dos campamentos serán de carácter urbano e desenvolveranse en Vigo, pero hai algúns que se realizarán fóra, como o Campamento da Granxa Escola El Kiriko, no concello de Fornelos de Montes, e Verán de Aventura, no Parque de Multiaventura de Diverlanhoso, en Braga (Portugal), e constitúe unha das novidades do programa para este ano, xa que está destinado especificamente a mozos e mozas de 18 a 30 anos e desenvolverase en tres quendas de catro días no mes de xullo. Escola hípica Outra actividade novidosa é a Escola Hípica de Verán, dirixida a nenos e mozos de sete a 18 anos. Este campamento especializado terá lugar no Club Hípico La Muralla, de Castrelos, e nel poderase practicar equitación e coñecer todo o relacionado co mundo do cabalo (alimetación, limpeza, coidados, mantemento de materiais e instalacións, etc.). A Escola estará aberta nos meses de xullo e agosto, en quendas de cinco días. Outra estrea do programa de Xuventude deste ano é o campamento Verán en Clave de Sol, dedicado á expresión artística, sobre todo musical, e dirixido a nenos e mozos de oito a 15 anos. No colexio Doutor Fleming, do 3 ao 14 de xullo, os rapaces recibirán clases teórico-prácticas de violín, vento, piano e guitarra, e participarán en xogos, audicións, ensaios e actividades teatrais. Por outra banda, o Verán Xove 06 inclúe actividades que xa comezan a ser clásicas e que sempre tiveron unha grande aceptación, como son o Campamento Urbano das Travesas, o Verán de Lecer da Asociación Veciñal Doutor Fleming (en dúas quendas: do 3 ao 14 e do 17 ao 31 de xullo, con obradoiros, xogos, excursións, etc), Tempo libre na Beiramar (en Bouzas, do 21 ao 25 e do 28 de agosto ao 1 de setembro), o mencionado campamento da Granxa Escola El Kiriko (do 31 de xullo ao 4 de agosto e do 21 ao 25 de agosto.)e as actividades para nenos das ludotecas municipais. Tamén haberá cine ao aire libre no Parque da Riouxa, os días 8, 9, 15 e 16 de xullo e o Campionato Nacional BMX Freestyle no Skatepark do Monte do Castro, do 21 ao 23 de xullo. Inscripcións Os nenos e mozos que queiran inscribirse no Verán Xove poderán facelo a partir do 5 de xuño na Casa da Xuventude. Os únicos requisitos son estar empadroado en Vigo e pertencer ao grupo de idade ao que vai dirixido o programa. Ademais, os interesados terán que entregar fotocopias do DNI e da tarxeta sanitaria e dúas fotografías tamaño carnet. Aos menores de idade requeriránselles tamén fotocopias do DNI dos pais. O horario de inscrición será de 10 a 13 horas(de luns a venres) e de 17 a 19.30 (de luns a xoves).