Reportaxe | Familiares dos represaliados A Comisión Viguesa do 36 entregou onte os seus primeiros galardóns que recoñecen a labor de sete persoas a prol da defensa da causa democrática
26 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.A Comisión Viguesa pola Memoria do 36 ten como obxectivo recordar. Recordar que moitas persoas, coma nós, foron brutalmente eliminadas da sociedade polo simple feito de pensar dun xeito diferente. Aconteceu hai setenta anos. Dende hai pouco tempo, un grupo de familiares de aqueles esquecidos perdedores, decidiron recordar e transmitirlles ao resto da sociedade que aquelas persoas non eran delincuentes, nin sequera morreron nunha guerra. Tristemente, foron asasinados, algúns a sangue frío, outros co subterfuxio dun sumarísimo consello de guerra, pero sen guerra. Onte, entregaron os seus primeiros premios, os Premios Memoria do 36. Unha sinxela placa expresa o agradecemento dos seus membros a aquelas persoas que, por distintos motivos, destacáronse pola súa contribución, en moi diversas épocas, á causa da democracia, a liberdade e ao esclarecemento dunha época histórica escura e de tráxicas. E os premiados falaron de a súas experiencias persoais e da época que lles tocou vivir. Por exemplo, o máis veterano dos premiados, Manuel Lago Rodríguez, advertiu contra os lobos que levan pel de ouvella. Algo sabe do asunto. Estivo nas barricas de Lavadores no desesperado e inútil intento por frear aos golpistas. Despois chegoulle o momento de fuxir polos campos e do cárcere. Chegoulle despois a quenda a María Teresa Cores, unha traballadora da conserva a quen lle cortaron o pelo dúas veces antes de pasar polo cárcere. «Grazas por ide sacando todo o que está escondido e tanto dano fai», resumiu a octoxenaria muller. Non menos impresionante foi escoitar a Manuel Cea Zanete, de 93 anos de idade. «Fun tenente no Quinto Reximento, morreron miles de compañeiros no Ebro, despois chegaron os campos de concentración de Francia, pasamos as de San Quintín». Non é vigués de nacemento, coma a meirande parte dos vigueses, pero Leopoldo García Ortega foi presidente do PSOE en Vigo. Moitos anos antes, no seu Valladolid natal, viu a morte moitas veces nas cocheiras onde os sublevados asasinaban a quen non estaba con eles. A morte tamén estivo moi preto doutro dos premiados. Francisco Martínez López, Quico foi un dos supervivintes da Agrupación Guerrilleira León-Galicia. Na actualidade, recorre España como conferenciante. Onte recordou como os galegos recibían ben aos guerrilleiros. Finalmente, os dous últimos premios foron para dúas persoas que non teñen máis de corenta e cinco años. Son os historiadores locais Xoán Carlos Abad Gallego e Antonio Giráldez Lomba. O primeiro lembrou que o seu interese polo tema viña da ignorancia que atopou sempre cando saía o tema do fusilamento do seu tío. Pola súa banda, Giráldez sinalou que todos temos a obriga de darlles voz a aquelas persoas que xa non están vivas. Entre os asistentes estiveron representantes do PSOE, BNG, ERG, EU, a Asociación Republicana de Vigo e a filla de Enrique Blein, o primeiro alcalde republicano de Vigo.