A Comisión promotora da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués realiza hoxe en París os últimos actos de presentación desta iniciativa, que o próximo 25 de novembro poderá ser declarada pola Unesco Obra Mestra da Humanidade. Viaxarán ata a capital de Francia Santiago Veloso, Presidente da asociación Ponte...nas Ondas!, Lourdes Carita, promotora da Candidatura en Portugal, Luísa Márquez, Coordinadora das Escolas Asociadas á Unesco en Galicia, e Ana Miranda, voceira do BNG no Parlamento Europeo. Acude tamén Luís Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia Durante dous días a Delegación da Comisión Promotora da Candidatura levará a cabo unha serie de reunións e encontros para expor os pormenores deste proxecto tanto a institucións e entidades vinculadas con Galicia e Portugal en Francia, coma ao público en xeral, en particular a comunidade galega e lusa. O Instituto Camoés e o Instituto Cervantes van ser os dous lugares nos que se faga a presentación ao público en xeral. Neste último contarase tamén coa actuación musical da artista Mercedes Peón. A axenda de Paris comeza hoxe cunha reunión co embaixador de España ante a Unesco, José María Ridao. Os promotores reuniranse no Sector Educación da Unesco con Sigrid Niedermayer, Directora Xeral do Programa das Escolas Asociadas da Unesco e con Jean O¿Sullivan, Responsable de Publicacións da área de Educación.