A Casa das Artes recupera a memoria fotográfica do retratista estradense Pedro Brey Guerra
VIGO
A Casa das Artes acolle dende onte unha exposición fotográfica sobre os principais traballos do fotógrafo estradense Pedro Brey Guerra. A mostra esta composta por 71 fotografías positivadas das placas orixinais, e teñen un marco cronolóxico que abarca dende 1910 até 1930. Pedro Brey Guerra (A Estrada, 1889-1967), retratista vocacional e mestre de escola, documentou os seus traballos fotográficos no reducido ámbito da parroquia estradense de Oca e no contorno estradense do Val do Ulla. Con eles reflicte unha veciñanza e un territorio que coñece fondamente con singular mestría e que chegan a esta mostra cedidos pola familia Brey. As fotografías de Pedro Brey Guerra, inéditas atá hoxe, configuran un variado e fermoso lenzo parroquial que se converte nun lúcido e sorprendente ensaio en imaxes sobre o tempo que lle tocou vivir. Un pequeno tesouro da nosa fotografía que, desde a súa sinxela concepción, aparece liberado de modais artificiosos ou de calquera intención allea á pureza primixenia do acto fotográfico. Mostra itinerante A mostra está patrocinada polo Concello de Vigo, polo Centro Galego de Artes da Imaxe, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. A exposición permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 10 de xaneiro. A mostra xa estivo con anterioridade nas localidades de Santiago, A Estrada, Pontevedra e Salamanca.