«Pido xustiza para o meu pai»

VIGO

Reportaxe | Orfo político Gómez Millán volveu de Cuba para participar na homenaxe aos fusilados no Castro. En 1936, o seu proxenitor, que era sastre en Lavadores, foi asasinado por estar afiliado ao PSOE

25 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

En Cuba descubriu o paraiso terrenal. Unha paisaxe moi galega, unha sociedade solidaria e un clima axeitado para combatir a súa artrose foron dabondo para que José Miguel Gómez Millán decidira trocar Lavadores pola illa caribeña. Atras quedou unha vida dura. «Aínda non tiña seis anos cando fusilaron ao meu pai no monte do Castro, era outubro de 1936», recorda con bagoas nos ollos este home de 74 anos. «Sofrimos moitas humillacións os fillos dos represariados, pasamos moita fame e necesidades, e aos once anos comecei a traballar; todo aquilo quedou tan gravado en min que daría a miña vida por lavar a memoria do meu defunto pai», engade. Hai uns días, José Miguel Gómez Millán chegou a Vigo por mor do falecemento dun familiar. «Descobrir a existencia da Comisión foi toda unha liberación», sinala. «Antes de que o fusilaran, o noso pai díxonos a todos os irmáns que eramos a semente do seu ideal; iso é imborrable para min», di, pero deixa claro que non o move un afan revanchista. Aínda así recorda o nome do falanxista que provocou o fusilamento do seu pai. «O seu asasinato foi una revancha porque meu pai parou un desaucio contra unha muller que tiña seis fillos, aproveitaron a ausencia da nai para botar aos fillos e el interpúxose», di. Despois, coa sublevación, as novas autoridades atoparon os arquivos do PSOE na sede da rúa León, e so tiveron que ir casa por casa. «El non quixo fuxir porque dicía que non fixera nada malo, pero un día chegou a casa O Rabioso e levouno detido». O Rabioso O Rabioso era o alcume dun Guardia Civil que fartouse de deshonrrar a cualidade humana naqueles tráxicos anos. «Xulgaron ao meu pai e non foi condenado a morte, pero O Rabioso fixo o que puido para cambiar a sentencia». O vindeiro sábado, ás 11.30 horas da mañá, a fortaleza do Castro vai ser o escenario dunha homenaxe aos centos de fusilados alí na segunda mitade dos anos trinta. Tanto José Miguel Gómez coma o resto dos membros da Comisión fan un chamamento a quen poida aportar datos do que alí pasou. O seu teléfono é 986 210 660, ou tamén o 669 210 608. «Eu pido xustiza para os represariados no 36 se lle recoñezca toda sua humanidade, que non foros criminales, nen ladróns, nen asasinos porque, ademáis eiquí non houbo guerra pero houbo tantas mortes coma se a houbera», conclue este republicano de corazón.