A partir do luns 3 de outubro e ata o día 14 do mesmo mes, as mulleres maiores de idade poden inscribirse no obradoiro Muller e comunicación , que o Concello organiza como ferramenta para o desenvolvemento persoal, social e laboral a través da mellora das habilidades comunicativas. O curso, unha iniciativa da Concellería da Muller subvencionada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello, terá lugar na Casa das Mulleres os martes e mércores do 18 de outubro ao 29 de novembro, de 18.00 a 20.00. A súa duración total será de 24 horas. As participantes traballarán e reflexionarán sobre a comunicación como medio para superar as dificuldades que encontran as mulleres no seu desenvolvemento persoal, social e laboral. Deste xeito, preténdese que melloren as súas habilidades comunicativas, entre as cales están a comunicación oral, a intergrupal e a integral. Os obxectivos destas melloras son, á parte do mencionado desenvolvemento individual, a conquista de espazos sociais para as mulleres e a superación de bloqueos e inercias comunicativas. Outro dos fins é o de potenciar nas participantes habilidades sociais útiles para resolver conflictos e aumentar as expectativas de empoderamento das mulleres. Tamén reflexionarase sobre as implicacións da construcción de xénero no feito comunicativo.