Márketing para unha cidade

JOSÉ A.R. FERRERAS

VIGO

DENDE A MIÑA FIESTRA | O |

30 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ALÁ polos oitenta, o Club de Marketing de Vigo fixo un modesto informe sobre as posibilidades da cidade para o seu desenvolvemento. Non era con exactitude un plan de marketing, pero si aportaba unha serie de ideas que, ó parecer, non ían moi desencamiñadas visto o que hoxe se fala. Foi en agosto do oitenta e catro cando apareceu publicado un artigo que se titulaba precisamente Marketing para unha cidade e no que eu facía fincapé no caso da cidade francesa de Poitiers, que, se era coñecida era nunha grande parte grazas a Carlos Martel e á batalla por el sostida contra os árabes vidos de España. A algún edil ocorréuselle a idea de levar a cabo un plan de marketing. Deste xeito púxose en marcha un proxecto que remataría acadando uns resultados sorprendentes. E iso que o primeiro que detectou o estudo inicial era que a cidade tiña unha moi mala imaxe, particularmente entre o empresariado. Afastada, amoladora de.atravesar, enfastiada, abandonada e vella. En resumo: unha marabilla de cidade. Non hai espazo aquí para entrar no detalle e temos que conformarnos con recoller algúns dos parágrafos finais do citado artigo: Se unha cidade coma Poitiers puido alcanzar tales obxectivos e ser elixida coma modelo ¿qué non podería lograr entón unha cidade que conta, por exemplo, cun porto de grande categoría, un aeroporto con tráfico en alza, abundante e ben cualificada man de obra, un contorno natural sen comparanza e outro largo etcétera de puntos fortes? ¿Seica a culpa de todo tíñaa a falta de solo industrial? ¿Ou téñena os políticos?. Destes e doutras cuestións falaremos, se cadra, noutra ocasión.