DESDE MI VENTANA
12 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Con anterioridade fixemos referencia á aportación principalísima dos Amigos dos Pazos no recoñecemento do Camiño de Santiago como ben cultural europeo por parte do Consello de Europa. A súa solicitude apareceu reflectida no informe presentado á Asemblea Parlamentaria do citado organismo na data do 28 de marzo de 1984. Resto no que se refire ós Camiños en todo o seu conxunto, porque logo ten sido moitos os esforzos dedicados por eles a prol da revitalización dos Camiños portugueses en concreto. De feito, neste capítulo podería moi ben destacar os encontros nos que tiveron participación destacadas expertos, tales coma Hipólito de Sá, Paolo Caucci, Filgueira Valverde, Iglesias Almeida ou Piñeiro Ares, ademais do propio presidente da Asociación Xoán M. López-Chaves. As actas publicadas non teñen desperdicio. Como tampouco téñena o libro no que se recollen as experiencias vividas nunha das súas peregrinacións e no que se inclúe tamén o relato da viaxe dende Lisboa a Compostela feito por Xoán Batista Confalonieri no ano 1495. Co propósito de acadar o recoñecemento do camiño portugués que correspondería ó treito A Garda-Vigo da antiga Vía per loca marítima, teñen posta en marcha unha nova iniciativa, como é a organización dunha peregrinación entre ambas as dúas poboacións dividida en catro etapas, que imaxino corresponderán a A Garda- Oia, Oia-Baiona, Baiona-Nigrán e Nigrán-Vigo. Por certo que precisamente deste tramo concreto existe un interesantísimo traballo de Ernesto Iglesias Almeida e que foi publicado tamén hai anos pola Asociación. Coido que este marcará o traxecto que estea a ser seguido polos peregrinos. Unha vez máis, a en hora boa ós Amigos dos Pazos e o desexo de que a súa iniciativa leve a un novo éxito dela.