TRIBUNA LIBRE
26 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O 28 E 29 de Maio celébrase o IV Congreso da C.I.G.. Este sindicato, a maior organización do nacionalismo, con perto de 50.000 afiliad@s, comeza a entrar nun camiño perigoso, e iso, neste vindeiro congreso debería ficar clarificado. Eis as miñas razóns: O camiño perigoso ao que fago referencia é a posta en marcha dunha selección ideolóxica dentro do sindicato que xa se está a practicar desde hai xa algún tempo. O/a que está «desviado ideoloxicamente» non vale e estáselle a facer a vida imposíbel. En cambio, o que entra polo aro ten acomodo, e prepárano para servir o aparello dirixente a cambio de un salario Non é tanto o problema social o que pode ter a CIG a día de hoxe como na organización interna. Despois de un período de transición após a fusión da CXTG e a INTG, a CIG vive hoxe os seus días baixo a dictadura da UPG. O partido comunista galego decidiu tomar o sindicato de arriba a abaixo e asi, a CIG como proxecto plural do sindicalismo galego corre o risco de rachar. Ou collemos todos na obra, tal e como dicía Castelao, ou o proxecto común acábase. Os recentes acontecementos na Federación de Servizos en Vigo, onde na asemblea para escoller os congresistas un compañeiro meu foi zarandeado, empurrado e insultado con adxectivos tais como amarelo , acuñista ... lévanme a unha dúbida: somos animais ou persoas? A min mesmo, que durante dous anos realicei funcións de axente electoral na Federación de Banca na comarca da Coruña, ficando de primeira forza sindical na comarca, e conseguindo dobrar case o número de afiliados que había antes da miña chegada, fun botado como un can, despois de que me negase un mes e medio antes a entrar na UPG. O motivo que me deron para despedirme era que a Federación non traballaba con persoas a soldo, exceptuando períodos electorais. Aos poucos meses xa contrataron un rapaz de UPG para o meu sitio. Este é o modelo do sindicato: oficina de emprego para os mozos/as comunistas. É tan triste o funcionamento que mesmo se ve aos ollos de calquera persoa o acoso laboral que existe dentro do propio sindicato aos seus traballadores, que é de auténtico escándalo. Este non é o camiño. Existe tanta porquería nas comarcas que estou convencido de que o Secretario Xeral non se entera, porque os seus propios servidores tapan todo para que non se saiba. En resumo, entre a xente que lle dá vida ao sindicato día a día, non hai confianza, nin diálogo fluído ... e así estamos a construír o ocaso da maior obra do nacionalismo galego a nivel laboral. Se no vindeiro IV Congreso non se clarifica o diálogo e a confianza internas, non se conta con todas e todos, entraremos nun camiño perigoso.