OPINIÓN
05 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.ESTES días se daba como argumento político, que Anxo Quintana tiña que encabezar a candidatura a presidente da Xunta de Galiza, pola provincia de A Coruña, por unha cuestión de tradición . Este semellaba ser o argumento central, para xustificar que Xosé Manuel Beiras tiña que ir noutro posto da lista ou a outra provincia. A miña primeira reflexión fronte a esta tradición , é o abraio de que unha formación politica, que ten unha forte raíz ideolóxica na esquerda, utilice argumentos conservadores. A tradición, é un concepto cultural vinculado ao pensamento superestrutural, dunha sociedade determinada. Polo tanto, a tradición somente podemos valorala desde unha óptica de clase e dos seus intereses. Coido que teríamos que ver de que tradición estamos a falar. Porque pode ser, que cada un no BNG teña o seu propio concepto de tradición. Voltando ao tema, perguntome Que determina que o futuro presidente de Galiza, teña que ser de esa provincia? Que se ten en conta para esta categórica definición? A cantidade de habitantes da provincia? Que outros partidos tradicionais teñen ese costume? De qué é parte do sentido común? E falando do sentido común, venme á memoria aquel traballo sociolóxico do pensador italiano Antonio Gramsci, cando analizaba o «Sentido Común», debullar a súa esencia reaccionaria. Sabemos que o sentido común é o que xustifica a explotación do home polo home, as guerras, a discriminación das mulleres, etc. Que baixo este sentido común o sistema, levou á súa máxima expresión, co pensamento único. Gramsci chamaba a construir «núcleos de bo sentido» para poder lograr que a humanidade constrúera un pensamento transformador e de troco. Coido que hoxe máis que nunca, estas ideas están máis vixencia que nunca. E a condución do BNG tería que ler un pouco máis ao pensador italiano, para que a súa renovación ideolóxica, sexa nun sentido progresista e non se deixe arrastrar, pola globalizada ideoloxía dominante. É moi común nalgunos políticos que se definen como de esquerdas e razonan como si foran de dereitas. Parece ser que o sentido común na condución do BNG sinala que Beiras non pode ser o primeiro candidato por A Coruña, por cuestión de tradición . E o bo sentido tería que sinalar, que os afiliados do BNG ten que colocar, en eleccións primarias internas, as súas mellores representantes, aos máis ligados coa actividade politica e social, nos postos de saída, para ser a primeira forza política da oposición. Por iso o bo sentido tería que ser que Xosé Manuel Beiras encabece a candidatura pola provincia de A Coruña. Como sinalei nalgunha oportunidade gustaríame que este próximo parlamento galego tamén estiveran representados os traballadores, como así tamén os emigrantes e outros sectores sociais comprometidos co noso país. Seguramente o sentido común non o recomende, en definitiva será o sentido das urnas o que dé a derradeira palabra. Lois Pérez Leira é voceiro da Corrente do pensamento Marxista: «Traballadores Galegos polo Socialismo»