Entrevista | Xaquín Chaves O artista de Vilaxoán expón dende hoxe unha colección de pinturas, titulada «Intersticios», no Centro Social Caixanova
13 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.Xaquín Chaves atópase nun momento intermedio, un intersticio na súa carreira creadora que o levan a materializalo en dezanove cadros feitos ad hoc para o espacio onde van ser expostos. Até o 6 de febreiro, Intersticios pódese ver na sala de exposición número I do Centro Social Caixanova. -¿Por que este título? -Alude aos espacios intermedios. Na vida dun pintor, os cadros poden establecer un diálogo intersticial, por así decilo, entre o que é a vida e a pintura dunha persoa. Esta exposición está feita con obra recente. -¿Que contén? -Son dezanove cadros entre os que destaca unha peza polo seu grande tamaño, xa que é un políptico de once metros por dous, titulado Suite chinesa . -¿Supón algún cambio na súa traxectoria? -Normalmente, nas mostras tes máis tempo para preparalas, por iso foi un gran reto e por iso ten ese título. Ocupoume todo o tempo vital, e vivín moitísimo neses intersticios, estiven moi metido dentro desta pintura. -¿Que define a súa obra? -Na miña pintura predomiña o elemento cromático acompañada de grandes brochazos que lle confiren certo dramatismo, rachan un pouquiño a estética e se transforman nun punto de inflexión. Eu teño sempre moitísima preocupación pola cor, aínda que nesta exposición hai unha maior sobriedade cromática que se percibe na gran gama de grises e ocres. Tamén preocúpame bastante a materia da cor. -¿Como foi a súa evolución artística? -Eu empecei, aos quince anos, a pintar paisaxes. Despois fun tendendo cara o surrealismo; máis tarde fun cara a un certo simbolismo, despois achegueime o expresionismo e aparece realmente a comunicación co mundo da arte coa chegada ao expresionismo e despois á unha abstracción non exenta de datos referentes á natureza. Cando das o importante paso á abstracción intentas xerar unha cosmoloxía propia, pero sempre quedan cousas. Eu estou moi interesado no diálogo entre o que é o campo cromático e a mancha. Aí é onde se estructura a miña pintura. -¿Como afronta a disciplina do traballo artístico? -Os artistas non somos disciplinados, pero si traballo un montón de horas. Considero que para pintar tes que estar dentro e para chegar a elo requires intensidade. Realmente, a pintura empeza a suceder cando estás moi dentro, cando esto non ocurre, a mín non me interesa.