Reportaxe | Deseño galego combativo Un colectivo emprega o humor gráfico como crítica social e política, e logo, fan roupa
04 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A retranca é un arma cargada de futuro para as persoas que integran o colectivo Aduaneiros sem fronteiras. Aínda que lles move un de- sexo de facer pensar a xente, non conforman unha oenegue. Tampouco son unha empresa, aínda que agora vendan a súas propias camisolas. Tan sequera poden considerarse unha opción política, aínda que a conciencia nacional galega está presente en todos e cada un deles. Un pequeno percorrido pola súa páxina web (aduaneirossemfronteiras.org) abonda para concluir que o humor, a autocrítica e a iconoclastia son instrumentos tan válidos, para intentar correxir as desfeitas dunha sociedad, coma unha sesión de diván no psiquiatra. «Hai anos que ficou claro que o movemento galego de transformación social e emancipación nacional adoecía dum rictus taciturno que, as veces, dexeneraba en amargo e terrible xesto», di un dos creadores do colectivo. Dende esta perspectiva, e collendo como únicas armas a ironía, a imaxinación e unhas boas artes no deseño gráfico, Aduaneiros sem fronteiras propon, dende a súa web, unha reflexión periódica a través dun dibuxo. O máis recente saiu esta mesma semana e ten relación co desexo de Fraga de repetir como candidado do PP. Co título do eterno retorno, os deseñadores do colectivo plantexan un Fraga como se fose unha moneca rusa que sempre da pé a que apareza unha nova, que é a mesma. Os internautas deixan constancia da súa opinión ao respecto. «Mata os teus ídolos» Os protagonistas destes dibuxos son variados. Poden ser os carteis dunha empresa de maquinaria rural, a crítica retranqueira a desmesurada expansión do turismo rural, ou tamén, o rexeitamento da divinidade de algúns iconos nacionalistas, como aconteceu no gráfico dedicado a Castelao titulado Mata os teus ídolos . Unha vez que empezaron a pendurar na web estes dibuxos, moitos internautas quixieron baixalos da rede para estampar camisolas, algo que permitiron nun principio, sempre que non houbese un interese comercial. Agora, eles mesmos, son quen de manter unha sección adicada a confección e venda de camisolas baixo a etiqueta de Aduaneiros sem fronteiras. «É una tarefa que ten asignada o comité central de propaganda», di irónicamente un dos aduaneiros. Mais non só as camisolas ocupan a mente destas persoas. Estudian a posibilidade de editar selos coa efixie de Isaac Díaz Pardo, a Santa Compaña ou o canastro de Carnota, naturalmente, sen máis valor que o sentimental. Coma a posibilidade que trazaron hai uns meses cun carné de identidade galego que, en vez de indicar a provincia, amosase a bisbarra orixinal do seu portador. O colectivo declárase lusista. «Esta opción parece a única acorde con o tono descolonizador e elegante que caracteriza ao proxecto», explican. Aínda que de momento tan só foi aceptado un dibuxo, o colectivo manten aberta a posibilidade de que a xente remita as súas creacións. «Hai unha, pero o resto non tiñan a calidade suficiente para penduralas na web, pero quen quera pode enviarnos os seus gráficos», comentanos un dos deseñadores. Croquetas a Castelao O último 25 de xullo, levaron a súa ácida visión do cosmos galego ata a mismísima tumba de Castelo. «Fixémoslle unha ofrenda coas croquetas que nos sobraron da cea do día anterior, era unha metáfora da vergonza do galego», recordan. Ese mesmo día, percorreron algunhas rúas compostelás cunha pancarta que rezaba: «Somos galegos e non nos entendemos». A pancarta tiña tres monos, un tapaba a boca, outro os ollos e, o último, as orellas. ¿E non hai xente que interprete estes actos dende unha perspectiva irrespetuosa? «No foro da web, as veces, entra alguén con gañas de reventar o asunto, pero remata sucumbindo ante os nosos chistes», apunta o noso interlocutor. Non éxiste unha periodicidade determinada na saída das novas gráficas na web. Máis ben, responde á temperatura dos miolos creativos dos membros do colectivo. Na última semana, a decisión de Manuel Fraga de voltar a dirixir a candidatura do PP á Xunta, xa mereceu dúas píldoras de fervor humorístico. Nunha delas, presentaban unha caricatura de Fraga coma se fora un martir de Galicia. O tema suscitou unha grande cantidade de reflexións entre os seguidores desta páxina. Na nosa visita as instalacións itinerantes dos Aduaneiros sem fronteiras, podemos comprobar como hai algúns temas que merecen certa dulzura. «Cando afundiu o O Bahía fixemos un traballo diferente porque o tema non podía ser tratado de outro xeito». Tamén poidemos ver algún gráfico xa rematado, pero non publicado. Unha personaxe morta hai anos, aparece caracterizada de Bruce Lee, co seu bigote e todo. Aduaneiros sem fronteiras segue traballando para facerte pensar e, de paso, venderte unha camisola.