NATUREZA DE AQUÍ E DE ALÍ
16 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Se a alguén, aínda que entenda de paxaros, lle preguntasemos cal cre que sería por antonomasia a ave dos cemiterios, estou seguro, cen por cen, que non atinaría nunca coa especie que nós cremos que, en verdade, o é. Así, nun primeiro arranque, dirannos que os voitres ou miñatos que se alimentan de prea, ou, acaso, os corvos, comúns ou arnais, que servíndose da mesma comida, amosan, ademais, unha plumaxe moura polo que parecen gardar loito dun xeito permanente. Os máis instruídos, aqueles que a súa inquietude lles permitiu cotas de lectura máis afastadas e exóticas, falarannos, entón, do ibis sagrado de Exipto, que acompañaba as ánimas dos defuntos e que deixaban disecados nas tumbas da xente importante no tempo dos faraóns, para lles ensinar ós mortais o camiño dereito á eternidade, como se alguén puidese erra-lo rumbo en semellante transo. E, en verdade, calquera destas aves ten bastante relación coa morte, pero nos cemiterios de Galicia, o paxariño que non falta nunca á cita cos que alí acougan na paz serea dos mortos é o curroxo común Phoenicuros ochruros. Trátase dunha ave delicada, esvelta, alegre, bule-bule, do tamaño dun gorrión, co peteiro afiado propio das aves insectívoras. Entre a moura plumaxe que os machos locen, destaca conspicuamente a cola roxa, de aí o nome galego de curroxo. Como este paxaro, habitante típico dos cantís mariños chegou ós camposantos de Galicia é un misterio, pero un día os curroxos da beiramar foron conquistando novos territorios que gardaban cos altos penedos da costa semellanzas e relacións, senón de formas se polo menos nas aparencias. Conquistaron, primeiramente, castelos, torres e igrexas que presentaban maiores verticalidades. Despois, converteron as casas nun lugar ideal, pois as súas fachadas seguían a lembra-los cantís inaccesibles das illas e dos cabos batidos pola ondaxe. Apoderáronse, logo, dos mausoleos dos cemiterios, onde a tranquilidade e o silencio supliron con vantaxe o bruar dos temporais entre os penedos inaccesibles e esvarentos. Non importa a altitude, tanto ten a distancia á costa, pois cada camposanto ten a súa parelliña que salta sobre as cruces dos nichos, canta nos muros que o pechan e aniña nun recuncho calquera entre as figuras labradas dun mausoleo impoñente. Nunca me decatara de que semellante paxariño tiña esta predilección por estes recintos sagrados ata que me propuxen recoller dos cemiterios galegos os epitafios que aparecen escritos nalgunhas tumbas. Entón, cemiterio arriba, cemiterio abaixo, visitei máis de mil e en case todos, estaba unha parella de curroxos que se tiña apropiado del e que, alertada pola nosa presencia nos seus eidos, seguía os nosos pasos a distancia, estresada e protestando. Lémbroos dende entón con simpatía e o seu canto, coma un rincho agudo de poldro perdido, escoitado ó lonxe, fíxoseme familiar. Agora, xa saben cal é o dono e señor deses recunchos de paz, aquel que canta moito antes de raia-lo alba e moito despois do que o sol se durmira tralo horizonte dos nosos soños case sempre incumpridos.