As barbelas do Miño: uns peixiños sorprendentes

| ESTANISLAO FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA |

VIGO

NATUREZA DE AQUÍ E DE ALÍ

26 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

PARECÍA que o río Miño, dende ó seu nacemento en Fonmiñá, ata a súa desembocadura en Camposancos, estaba todo el estudiado e ben estudiado. Os peixes, sobre todo, que formaban parte da economía dos mariñeiros dende había séculos non deberían agochar para os naturalistas ningunha novidade. Pero, ás veces, as cousas non son como parecen. No ano 1996 presentabamos un traballo ó «Primeiro Simposio Ibérico sobre a Bacia Hidrográfica do Río Miño», celebrado en Vilanova da Cerveira, onde falabamos, xunto co naturalista tudense Sito G. Ferreira, dun peixiño humilde no tamaño, pero xigante na súa fortaleza por sobrevivir ás adversidades: a barbela do Miño que bautizamos co nome de Cobitis victoriae. A primeira vez que o pescamos foi o 23 de marzo de 1996, na lagoíña de orixe artificial de Caldelas de Tui. Describiámo-lo como un peixiño de apenas 10 ou 11 centómetros de longo como máximo, de aspecto anguiliforme, que vive sobre o fondo areoso das augas doces e que amosa uns barbillóns ós lados da boca. Mostra cores apardadas con manchas escuras nos costados que o disimulan sobre o fondo do río, onde moitas veces acouga, protexido pola vexetación palustre. Ata agora, ten aparecido na beira española polas proximidades de Tui e os portugueses atopárono, despois, na súa banda, entre Vila Nova da Cerveira e Valença. As «lamprejuelas», que tal é o nome que estes peixiños reciben no resto de España, despois de moitas vacilacións por parte dos ictiólogos que primeiramente falaron de ata cinco especies a nivel peninsular, quedaron reducidas tan só a tres. A barbela setentrional Cobitis calderoni, a barbela meridional Cobitis paludica e a barbela do río Alagón Cobitis vettonica. Pero a especie atopada no Miño non segue estrictamente os cánones das descricións que as determinan. De aí que lle puxeramos un novo nome, que ata agora ninguén rexeitou. No Museo de Ciencias Naturais de Madrid a sección que estudia os peixes ibéricos está dirixida polo doutor Ignacio Doadrio, que aínda non se pronuncoiu. Quere dar co ADN da barbela do Miño, para poder adxudicarlle unha familia o consideralo nova especie peninsular, pero, para iso, haberá que esperar á primavera que é cando poderemos pescar algúns exemplares que axuden a desvela-lo segredo da súa incerta taxonomía. A nós, como descubridores, sorprendeunos a súa limitada área de espallamento, pois por fóra dos lugares onde o viramos pola primeira vez nunca fomos quen de atopalo. Polo tanto, déuno-la sensación de dar cunha poboación relicta, afincada en zonas pequenas e concretas do río e en hábitats moi definidos, onde consegue sobrevivir do acoso dos peixes maiores que o deben considerar un bocado apetitoso, pois de vello sábese que a lei que impera na natureza é comer e procurar por tódolos medios non ser comido.